Galicia en goles acompaña esta fin de semana o Celta en Anoeta e o Rácing no Carlos Tartiére

0
23

Santiago, 17.08.2023.- Esta fin de semana, os afeccionados ao fútbol teñen unha completa axenda de deportes a través da programación da Radio Galega. O sábado, entre as 14:15 h e as 00:00 h, o Galicia en goles centrará os esforzos na retransmisión do partido da Liga de Primeira División entre a Real Sociedade e o Celta. Roberto Carlos Carballo viaxa ata San Sebastián para contar desde Anoeta a segunda xornada, arroupado polos comentarios dos especialistas Xosé Valtierra, Xabier Rodríguez Campos, Jorge Paz e Pepe Méndez. Logo chegará a quenda de amigables, unha semana antes do comezo da Primeira RFEF, co derbi no Espiñedo entre o Arenteiro e o Deportivo, xunto ao Avilés-Lugo. Ademais, haberá cobertura para o Compostela-Leonesa, no Vero Boquete, e o Xuvenil-Portonovo, da Supercopa de fútbol afeccionado.

Doutra banda, o proxecto #GaliciaEnXogo terá varias entregas o sábado. Nunha delas entrevistará os protagonistas da iniciativa de Enki co reto Golfo Ártabro, en que os participantes nadarán cinco quilómetros desde Mera ata A Coruña e correrán outros tres, ata chegar á meta en María Pita. O obxectivo é dar visibilidade o deporte inclusivo e recadar fondos para a compra de material deportivo adaptado.

Xa o domingo, o Galicia en goles adianta o comezo das emisións ás 11:55 h, para cubrir a final do Mundial de fútbol feminino, que enfronta as seleccións de España e Inglaterra. O equipo deportivo da Radio Galega estará presente en Pontevedra, onde naceu a internacional Tere Abelleira, e na Coruña, xa que ámbalas dúas cidades colocarán pantallas xigantes para presenciar este histórico partido. A partir das 16:00 h, o interese da xornada pasará polo fútbol de Segunda División, coa visita do Rácing de Ferrol ao estadio Carlos Tartiere, onde agarda o Real Oviedo. Raúl Villares narrará os noventa minutos de xogo, cos comentarios de Alex Piñón.

Ademais do fútbol, o domingo será un día de información do motor, cos protagonistas do rally de Ferrol, á súa chegada á meta. Habitualmente, estas competicións desenvólvense o sábado, pero neste caso rematarán á primeira hora da tarde do domingo. 

Fuente Crtvg.es