‘Galicia en Goles’ retransmite este sábado o decisivo Navalcarnero-Burela, pola liga de fútbol sala feminino

0
19

Santiago, 23.06.2022.-    Este sábado remata a liga de fútbol sala feminino e, desde as 18.00 h, ‘Galicia en Goles’ retransmitirá o desenlace da final desde o pavillón de La Estación, entre o Navalcarnero e o Burela. Ata a pista madrileña viaxará o enviado especial Roberto Carlos Carballo, co obxectivo de cantar un novo éxito do deporte galego.

O programa tamén narrará a final da Copa Deputación de Ourense, entre o Barbadás e o Allariz, que se disputa no estadio do Couto. E igualmente terán protagonismo os veteranos do Negreira e do Sárdoma, na disputa do título de campión galego, ademais do partido das estrelas do fútbol de Lugo.

O domingo, o programa da Radio Galega comezará ás 18.00 h coas finais da Copa Deputación de Lugo, entre o Chantada Atlético e o Outeiro de Rei, e do Sar, que aínda non ten finalistas ata que se xoguen o venres as semifinais. Outra das citas da tarde estará na semifinal da Copa da Costa entre o Muxía e o Fisterra.

Esta temporada, ‘Galicia en Goles’ prolongará a súa emisión ata o domingo 3 de xullo, data en que oficialmente rematarán as competicións regulares de fútbol coa celebración da final da Copa da Costa. O programa volverá o sábado 13 de agosto, cando principie a Liga de Fútbol Profesional.

Fuente Crtvg.es