‘Galicia en Goles’ retransmite este sábado os partidos Celta-Rayo Vallecano, Real Sociedade B-Lugo e Deportivo-Unión de Irún

0
19

Santiago, 03.02.2022.-    A Radio Galega dedica esta fin de semana un total de 25 horas á programación deportiva. O venres pola noite, de 20.30 a 00.00 h, a primeira edición do ‘Galicia en Goles’ estará centrada na análise do calendario, coas entrevistas aos principais protagonistas dos equipos galegos.

O sábado, desde as 15.00 h, o programa contará o Celta-Rayo Vallecano, da Primeira LFP, xunto ao Real Sociedade B-Lugo, da Segunda LFP, e dous partidos da Primeira RFEF: Deportivo-Real Unión de Irún e Valladolid Promesas-Celta B. Ademais, tamén terán presenza o Leganés B-Pontevedra e o Arenteiro-Ceares, da Segunda RFEF, e o Bouzas-Somozas, da Terceira RFEF.

Os afeccionados ao baloncesto, mentres, poderán escoitar a través de g24.gal/deportes a retransmisión íntegra do Betis-Breogán, correspondente á Liga ACB. A partir das 23.00 h, a información do motor tomará o mando coa sección de ‘Gas a Fondo’, mentres ás 23.30 h os deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos de 2024 terán presenza no espazo ‘Galicia en París’.

Ademais de ‘Galicia en Goles’, o sábado é o día de ‘Convivir Deportivo’, a partir das 13.00 h. Alfonso Pardo inicia o mes de febreiro visitando o concello de Vedra, onde destacan o Club Olímpico e equipo San Mamed.

O domingo, a edición matinal do ‘Galicia en Goles’ principiará ás 11.45 h co Badajoz-Rácing de Ferrol, da Primeira RFEF, nunha xornada que ten ademais o Móstoles-Compostela e o Coruxo-Navalcarnero, da Primeira RFEF, xunto a tres encontros da Terceira RFEF e o Deportivo-Osasuna de fútbol feminino. O baloncesto tamén será protagonista co Barcelona-Obradoiro, da Liga ACB.

Desde as 15.00 h, o interese da xornada estará posto no fútbol galego da Segunda e Terceira RFEF, ademais do Basquet Coruña-Granada da LEB Ouro de baloncesto. Cando remate de rodar o balón, ás 23.00 h, ‘Galicia en Goles’ transformarase nunha mesa de debate onde os especialistas de ‘Ao Contraataque’ debaterán sobre os resultados dos equipos galegos.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega chegan a través da FM, TDT, aplicacións para o móbil, radiogalega.gal, g24.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Ademais, o sábado, de 18.30 a 20.30 h, os espectadores que sigan o partido do Celta por Movistar e LaLigaTvBar poden escoller a opción de audio na que soa a retransmisión da Radio Galega. Mentres, os domingos, desde as 20.30 h, o programa abre unha fiestra ás cámaras de televisión para emitir por streaming dentro do Mira RG na web da CRTVG.

Fuente Crtvg.es