Iolanda Muíños visita hoxe as trece parellas que casaron en ’48 horas para o si’ e indaga nas súas relacións

0
22

Santiago, 15.02.2022.-  Tras entregas moi intensas, en que cada unha das parellas puxo a proba a súa relación en ‘48 horas para o si’ (23.05 h), Televisión de Galicia despide o programa introducíndose seis meses despois nas vidas dos 26 protagonistas, amosando como transcorren as súas unións desde o decisivo ‘si, quero’, e se todas manteñen os seus compromisos.

Na edición especial desta noite, a presentadora Iolanda Muíños, na compaña de Lovely Isabel, a propietaria da tenda de traxes de noiva do programa, viaxará en autocaravana para visitar cada unha das relacións que interveu en ’48 horas para o si’. Iolanda disporá de 48 horas para profundar no mundo das parellas que pasaron por esta aventura televisiva e romántica. Descubrirá se seguen xuntas, que novas aconteceron no seu día a día logo de vivir a experiencia de casar, os seus proxectos de vida, e se formalizaron oficialmente a unión, entre outras moitas curiosidades.

Ao longo destas trece semanas, os espectadores coñeceron parellas con aparente alerxia ao compromiso, caracteres moi explosivos, amores a primeira vista e outros que se manteñen durante toda a vida, relacións xurdidas na pandemia ou coa axuda das tecnoloxías, casamentos en segundas nupcias, e tamén parellas para as que a diferenza de idade foi un atractivo máis para estar xuntos.

E en todo este tempo, a emoción, o amor, as sorpresas e o divertimento foron os ingredientes principais dun formato novo, en que un dos membros da parella debía de realizar unha petición de man sorpresa e organizar unha voda nun tempo exprés, en 48 horas.

Fuente Crtvg.es