José Manuel Lage Tuñas, secretario de Organización do PSdeG-PSOE, na Televisión de Galicia: «O PSdeG apoia o sector pesqueiro, o que fai a UE é lamentable»

0
24

Santiago, 21.09.2022.-     O secretario de Organización do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage Tuñas, foi entrevistado este mércores no informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, nunha conversa en que salientou que para os socialistas galegos a principal preocupación é a sanidade: “de 418 millóns de euros que ten transferido o Goberno de España á Xunta de Galicia, hai 159 millóns que desviaron a outros fins, e iso parécenos moi preocupante”, dixo antes de remarcar que cando Emilio Pérez Touriño gobernaba non había listas de espera na atención primaria e que “hoxe un cidadán que teña que ir ao médico de cabeceira no Ventorrillo ten que esperar ata 12 días para ser atendido”.  

Outro tema abordado foi o da prohibición da pesca de fondo, sobre o que dixo que “os socialistas galegos apoian o sector pesqueiro galego e consideran que o Goberno de España ten que recorrer ese regulamento diante das institucións comunitarias”. Manifestou tamén que o presidente da Xunta de Galicia “debe moverse e ir a Bruxelas a defender os intereses da pesca”.

Ao respecto do derrube da A-6, Lage afirmou que “a Xunta faría ben en dar conta das súas competencias, explicar as políticas que fai e deixar de ser comentaristas das decisións doutros gobernos”.

Stellantis e Endesa

Respecto das razóns polas que a factoría viguesa de Stellantis quedou fóra das axudas do PERTE, o Secretario de Organización do PSdeG afirmou que “agarda que o Goberno de España e a Xunta fagan todo o posible por apoiar os proxectos de Stellantis porque non é so fundamental para Vigo, senón para o conxunto de Galicia o apoio que se lle poida dar”. En canto a que a planta de Endesa das Pontes se manteña parcialmente aberta, Tuñas cre que “é unha decisión positiva para Galicia e temos que traballar todos para facer compatible a transición ecolóxica coa creación ou o mantemento de traballo”.

Para rematar, Lage remarcou dúas cuestións: que eliminar o imposto de patrimonio en Andalucía a quen beneficia é a 17.000 persoas que teñen moitos cartos e que ao presidente da Xunta de Galicia pídelle na súa comparecencia no Parlamento de Galicia a vindeira semana que “explique porque teñen desviados 159 millóns de euros para combater a covid e reforzar a sanidade e porque hai case mil profesionais menos na atención primaria”.

Fuente Crtvg.es