‘Latexos da Cidade’ entrará en espazos inexplorados na súa nova temporada na Televisión de Galicia

0
85

Santiago, 19.09.2023.-    A espera rematou para os apaixonados de ‘Latexos da Cidade’, o programa da TVG que ten como obxectivo tomarlles o pulso ás cidades galegas mediante os seus protagonistas, as persoas que as habitan e os lugares onde traballan, xa que a nova temporada promete levar a aventura e a emoción a niveles nunca vistos. Nesta ocasión, o equipo do programa aventurarase en territorio inexplorado nun episodio de apertura extraordinario que promete deixar a audiencia sen folgos.

O programa inaugural levará os espectadores á histórica cidade de Pontevedra, onde ‘Latexos da cidade’ amosará a fascinante e nunca antes contada historia de dous lugares aos que as cámaras rara vez teñen acceso: a Brigada de Infantería Ligera Transportable (Brilat) e a Biofábrica de Ence.

Na Brilat, os televidentes poderán presenciar adestramentos físicos e técnicos, simulacros de rescate, e, nun xiro verdadeiramente detonante, unha práctica de detección de explosivos. En Ence, o programa levaraos a unha viaxe desde a recolección de madeira no monte ao corazón da biofábrica, onde verán todo o proceso paso a paso.

A continuación, nunha das súas entregas habituais, ‘Latexos da Cidade’ visitará Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense. Na primeira parada, os espectadores descubrirán o mercado de gando de Amio en Santiago de Compostela para coñecer o traballo dos tratantes. Na Coruña, o espazo da TVG achegarase á sede da Policía Nacional para seguir o traballo do Grupo de Operacións Especiais, onde manexan armas, loitan corpo a corpo e planifican estratexias.

En Vigo, ‘Latexos da Cidade’ sobrevoará a costa co equipo de Salvamento Marítimo, sempre preparado para protexer a vida no mar. E, por último, en Ourense, celebrará a noite do audiovisual galego cos Premios Mestre Mateo, rodeados de caras coñecidas e queridas, e con moitos nervios.

Fuente Crtvg.es