‘Luar’ recibe este venres a visita de dous destacados artistas: David DeMaría e Serafín Zubiri

0
35

Santiago, 22.09.2023.-     Nunha nova noite de ausencia de Gayoso, os presentadores que acompañarán hoxe a Esther Estévez na presentación de ‘Luar’ serán Arturo Fernández, Juan Fuentes, Rocío Durán, Lucía Rodríguez e Alba Mancebo. Eles serán os aspirantes desta semana a suceder o emblemático presentador.

Uns e outras irán dando paso ás actuacións musicais deste venres, entre as que destaca a de David DeMaría, un dos artistas españois máis consolidados. Con oito discos ás súas costas, dos que vendeu máis dun millón de copias, e numerosos premios en todo o mundo, é o autor de grandes éxitos que forman xa parte da historia da música no noso país.

O programa da TVG tamén recibirá a visita do polifacético cantante, pianista e compositor navarro Serafín Zubiri, inmerso actualmente na xira ‘50 anos sin Nino’, que pretende honrar a memoria do coñecido artista valenciano, de cuxa prematura morte se cumpriu xa medio século.

Ademais, estará no escenario o grupo galego emerxente Lontreira, que, despois de gañar o ano pasado o concurso da canción do verán da CRTVG, neste 2023 publicaron o seu primeiro disco, titulado ‘Apnea’, en que, alleos a xéneros musicais, ofrecen desde ritmos caribeños como a cumbia ata sons máis electrónicos.

A proposta musical para este noite complétase coa cantante Mar Davila; o grupo Tanto nos Ten, que emprega no seu repertorio músicas e letras propias do saber popular, irónicas, de escarnio e comprometidas; a orquestra Fania Blanco Show, e Pandeireteiras Moreniñas e Cinco Ferreñas, dúas formacións pertencentes á AMBT Vai de Roda Rianxo.

No concurso de talentos musicais ‘Recantos’ participarán esta semana Xela Burgué, procedente da Montaña de Lugo, e Paula Meda, representante da comarca Terras de Pontevedra. Actuarán en solitario e a dúo e no espazo tamén estará Oliver Insua, gañador da edición da pasada temporada.

Fuente Crtvg.es