Madeira e brasas no ‘Larpeiros Social Club’ deste martes, con receitas preparadas á beira do lume

0
14

Santiago, 03.12.2019.-     Neste século XXI, o lume non sempre está presente na cociña, pero non por iso deixamos de botalo de menos. O encanto especial de mover unhas brasas para lle achegar uns chourizos é algo que todos os galegos recoñecemos como propio.

No ‘Larpeiros Social Club’ haberá hoxe madeira, lume e brasas. Á beira do lume naceu case todo o que lles gusta aos máis larpeiros. E aínda hoxe, coa caloriña dos carozos, das achas de carballo ou piñeiro, cocen caldos cheos de sabor, fanse filloas que parecen sabas de liño e ásanse gorentosas mazás.

No programa desta noite, os espectadores coñecerán, da man de Adrián, a Laura Vallejo, unha moza que fixo da madeira o seu modo de vida. E logo, en Vilatuxe, faranse unhas boas brasas, para poñer na grella unha das mellores carnes galegas. Leni xantará nunha mesa de primeira, xunto ao gandeiro Xosé Portas e o ex xogador de baloncesto Fernando Romay. E gozarán dun dos maiores praceres da nosa gastronomía: unhas costeletas de boi e de vaca.

No club non faltarán filloas, carne asada e unha empanada de mazá. Natalia será a cociñeira convidada e encargada de facer unhas filloas con moita arte, unha receita familiar que preparaba a súa avoa. E o gran Carlos Parra será o responsable dunha faldra de tenreira con crocante de patacas e verduras. Completará o menú Lola, cunha empanada de mazá con masa de roscón, unha receita con máis de 100 anos de historia.

Coma sempre, ademais de cociña, contos e moitas risas, non faltará a música, grazas a uns vellos coñecidos: Raquel, Luís e Lilia.

Fuente Crtvg.es