Máis humor, máis información, todo o deporte e novas voces na cultura na temporada 22-23 da Radio Galega

0
22

Santiago, 02.09.2022.   A Radio Galega comeza este luns a temporada 22-23 con moitas novidades, novos colaboradores no eido cultural, con máis información multiplataforma, con máis entretemento, máis deportes… 

O programa ‘Galicia por Diante’, presentado por Kiko Novoa e Silvia Pereira, seguirá sendo o buque insignia das mañás da RG desde as seis da mañá ata as dúas da tarde con toda a actualidade, a información e o entretemento. Ao habitual equipo súmase esta temporada o humorista e actor Marcos Pereiro, que se estrea como  colaborador de ‘A Bóla Extra’ entre as 12.00 a 12.30 h. Ademais, o tramo informativo do ‘Galicia por Diante’ incluirá unha columna diaria sobre economía e incorporará as sinaturas de opinión dos xornalistas Ricardo Colmenero, Javier Casqueiro, Bieito Rubido, Xosé Carlos Caneiro e Lourenzo Fernández Prieto. Na fin de semana, consolídase o ‘Galicia por Diante Fin de Semana’, dirixido por Victoria Rodríguez e Luís Ojea.

En canto ao magazineA Tarde’, adianta o seu horario, e pasa a emitirse de 15.00 a 19.00 h. A todo o entretemento de Antón Rebollido e a súa troupe súmaselle na primeira hora de programa o humorista Pepe Capelán, moi coñecido e querido pola audiencia da galega.

Tamén se renova o ‘Diario Cultural’, que cambia case todas as súas voces convidadas. Tras o magnífico traballo dos colaboradores dos últimos catro anos, que seguirá estando accesible en diariocultural.gal, collen agora a remuda para esta temporada: Andrea Villa (audiovisual), Dolores Vilavedra (literatura), Eva Mejuto (literatura infantil e xuvenil), Luz Castro (videoxogos), Afonso Becerra (artes escénicas e do movemento), Estíbaliz Espinosa (ciencia e cultura) e Mónica Maneiro (arte). A edición das 14.45 h pasará a emitirse ás 20.45 h, mentres que se mantén o horario para as edicións das 10.30 e das 17.30 h deste espazo cultural. Pola súa parte, o ‘Diario Cultural Zeta’ manterá a súa emisión os sábados e os domingos ás 14.30 h, con difusión en RadioGalegaPodcast.

Co comezo do novo curso, as madrugadas da Radio Galega contarán de novo co líder da radio nocturna en Galicia, Marcial Mouzo, que se reincorpora á fronte do programa ‘Pensando en ti’. Durante a fin de semana, este espazo de madrugada será presentado polo humorista Isi.

En canto aos informativos, a Radio Galega segue a explorar as posibilidades do novo estudio multimedia e así, o faladoiro do ‘Galicia por Diante’ (08.30-09.30 h) e o de ‘A Crónica’ (22.00-23.00 h) emitiranse integramente a través da G2. O primeiro deles, en directo, e, o segundo, en diferido despois da redifusión do ‘Telexornal Serán’. Ademais, a edición de mediodía de ‘A Crónica’, con Sonia Iglesias, ampliará horario ata as 15.00 h e a edición nocturna, con Xosé Luis López Vila, mantén horario e formato. 

No que se refire aos deportes e dentro da estratexia #GaliciaenXogo, destaca o cambio no ‘Ao Contraataque’, programa que analiza a actualidade deportiva cunha perspectiva diferente, que dobra a súa duración e vaise emitir de luns a venres de 23.00 a 01.00 h. O programa, dirixido por Pedro Pablo Alonso, incluirá análise, faladoiros e seccións especializadas en distintos deportes. Pola súa parte, nas fins de semana, o histórico ‘Galicia en Goles’, da man de Xoan Galán unha temporada máis, incorpora tamén a voz na animación de Anxo Tato e o ‘Convivir Deportivo’ de Alfonso Pardo seguirá percorrendo concellos e vilas na procura das mellores historias do deporte galego.  

Máis contidos, más información e entretemento nunha nova programación da Radio Galega cuxa emisión a través das ondas estará acompañada das difentes plataformas dixitais como radiogalegapodcast.gal, con ducias de espazos nativos dixitais sobre literatura, igualdade, sociedade, humor, música, saúde ou historia. Todos os contidos culturais están dispoñibles tamén en diariocultural.gal e, por suposto, en crtvg.gal.

Fuente Crtvg.es