María Solinha, a heroína acusada de bruxería na Galicia do século XVII, chega hoxe á G2 da man do programa ‘Clac’

0
12

Santiago, 04.03.2022.-    No programa ‘Clac’ (22.55 h), os espectadores da G2 poderán ver este venres a película ‘María Solinha’, que fai un paralelismo entre a heroína acusada de bruxería na Galicia do século XVII e unha rapaza de Cangas, dos tempos actuais, que ensaia para participar nunha obra teatral. Tanta é a implicación que chega a identificarse de xeito obsesivo con María Solinha.

Esta película non puido facer o seu percorrido natural polos cinemas por coincidir a súa montaxe coas restricións obrigadas pola covid. Por iso, o director e produtor, Ignacio Vilar, optou pola estratexia de levar o filme polas vilas de Galicia. Así, ‘María Solinha’ proxectouse en prazas e autocines, ao aire libre, nas noites do verán de 2020. O filme tamén se proxectou en festivais e obtivo premio no de Taormina.

No faladoiro desta noite, Tania F. Lombao conversará con Ignacio Vilar, que falará  da experiencia de levar o filme a espazos públicos pola imposibilidade de saír aos cines polas restricións sanitarias. O director revelará tamén como seleccionou os actores e actrices e explicará como xurdiu a idea e como construíu un guión que combina dúas historias en paralelo. Pola súa parte, Laura Míguez, unha das actrices protagonistas, reflexionará sobre o que foi o seu primeiro papel como protagonista no cine. Así mesmo, falarase en ‘Clac’ doutras películas que teñen tratado o tema da bruxería e o machismo en distintos momentos históricos.

Fuente Crtvg.es