Xavier Labandeira Villot, catedrático de Economía: «A transición ecolóxica é unha oportunidade para Galicia»

0
35

Santiago, 22.04.2021.- Xavier Labandeira Villot, catedrático de Economía na Universidade de Vigo e director do centro de investigación da análise económica das cuestións enerxéticas ‘Economics for Energy’, foi entrevistado este xoves no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde fixo unha análise da recentemente aprobada Lei de cambio climático e transición enerxética desde a súa perspectiva como membro do comité de experto que asesora o Goberno na reforma do sistema tributario español neste eido. 

Xavier Labandeira sinalou a necesidade do país de “abordar un cambio bastante radical neste ámbito”, e destacou que esta lei “é unha boa noticia, pero hai que pasar das palabras aos feitos”. Ao preguntarlle sobre a situación de Ence en Pontevedra, o experto en enerxía remarcou a importancia de que “esta transición sexa xusta e temos que facela dunha maneira o máis barata e efectiva posible”. Ademais, fixo fincapé no papel do sector industrial, ao que pediu un carácter “proactivo”.

Labandeira deixou claro que “a fiscalidade verde é fundamental para garantir o desenvolvemento económico” e expresou a súa intención de “buscar un crecemento sostible”. O catedrático amosouse convencido de que é unha oportunidade para Galicia: «un país con moitos recursos potenciais renovables» que «pode liderar a transición e xogar un papel a nivel internacional relevante». Finalizou a conversa coa TVG afirmando que, unha vez estabilizada a situación sanitaria actual, “o sector público vai actuar para reactivar as economías e é importante que esta reactivación sexa fundamentalmente dirixida a estes sectores verdes”. 

Fuente Crtvg.es