Miguel Tellado, vicesecretario de Organización Territorial do PP: «Hai unanimidade en que Rueda reúne os requisitos para ser presidente da Xunta’

0
9

Santiago, 19.04.2022.-    Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG e recentemente nomeado vicesecretario de organización do Partido Popular, foi entrevistado este martes no espazo informativo ‘Bos días’ da TVG, nunha conversa en que repasou a actualidade do partido e a renovación na presidencia da Xunta de Galicia.

Respecto disto, Miguel Tellado lembrou, cando lle preguntaron se foi difícil a negociación con outros baróns do PP de Galicia, que o PP é una «organización democrática e que ata o 28 de abril calquera afiliado con 90 avais pode presentar a súa candidatura para dirixir o partido». Aclarou que «hai unha unidade xeneralizada ao entender que Alfonso Rueda pode ser a persoa que reúna os requisitos para asumir a presidencia da Xunta de Galicia e do PP de Galicia» e que «somos moitos os que cremos que sería un candidato de consenso que permita ao PPdeG seguir garantindo a estabilidade política da comunidade». «É importante ter alguén disposto a dar un paso adiante, pero é igualmente importante estar disposto a dar un paso a un lado e formar parte dun equipo, que ten que encabezar unha persoa pero que ten que conformar moita xente», incidiu.

Falando do novo liderado no PP con Alberto Núñez Feijóo en Génova, Tellado lembra que o «éxito do PP en Galicia ten moito que ver con esa capacidade do partido para parecernos á Galicia real. Nós o que lle pedimos ao noso partido a nivel nacional é que se pareza a esa España das autonomías, descentralizada e polo tanto o partido tamén ten que ser descentralizado». «España non é Madrid, é moito máis. É moi diversa e temos que saber representala».

O vicesecretario de organización do Partido Popular fixo fincapé na preocupación económica: «Se falamos coa xente da rúa, hai unha gran preocupación pola situación económica. A inflación preto do 10 % está comendo os aforros das familias». «Nós estamos intentando que o PP escoite o que pasa na rúa e traslade esas propostas aos foros institucionais e tamén ás mesas de diálogo co Goberno de España». «Lamentablemente, Pedro Sánchez non quere falar do que lles preocupa aos españois. Pedro Sánchez quere falar do que lle preocupa a el, de como seguir no Goberno, de como manter o Goberno máis caro da historia da democracia e nós, no novo PP, do que queremos é falar do que lle preocupa á xente na rúa», dixo. “Pedimos que non se recade máis e que deixe ese diñeiro nos petos das familias”, pechou.

Respecto do pacto entre PP e Vox en Castela-León, Tellado explicou: “Circunscríbese a Castela-León, e o que podo dicir e que a nivel nacional, o PP aspirará a representar una gran maioría de españois, e non depender de ninguén. Apoiamos ese pacto, pero a nosa ambición a nivel nacional é levar a Feijóo á Moncloa sen depender nada máis que dos españois que voten o PP”.

Fuente Crtvg.es