Na dobre entrega de ‘Casamos!’ desta noite, os espectadores coñecerán dúas historias de amor a primeira vista

0
1

Santiago, 16.09.2020.-   Televisión de Galicia ofrece esta noite unha dobre entrega de ‘Casamos!’, cuns protagonistas entrañables e románticos que compartirán cos espectadores da canle pública a súa historia de amor e un dos días máis felices das súas vidas.
 
Na primeira emisión, a audiencia coñecerá a Diana e Jesús, unha historia de amor a primeira vista. Diana é unha moza loitadora que tivo que abandonar Paraguai por necesidade, deixando atrás a súa familia. Pola súa parte, Jesús é un solteiro da vella escola, aposto e todo un galán. Un día os seus destinos cruzáronse e decidiron camiñar xuntos.

Pero non todo é doado nunha relación e xa ao comezo tiveron que atravesar momentos verdadeiramente difíciles. A destes dous mozos é unha emotiva historia de amor chea de sorrisos e bágoas, pero cun final feliz. Hoxe Diana e Jesús casan e a súa será unha voda con moitas sorpresas e emocións.

A segunda parella desta noite, que dará o paso de casar na TVG, é a formada por Ana e David. O seu foi todo un frechazo, pero tivo que pasar un tempo para que a parella iniciase unha relación e foi Ana quen deu o primeiro paso. David é cabo da Armada e desde os comezos esta parella vive na distancia a súa historia de amor.

Despois de dous anos de relación, Ana e David teñen moi claro que queren pasar o resto da súa vida xuntos e que non hai distancia que os poida separar. Por iso hoxe dan o paso de casar. David xa está en Vigo para axudar a súa moza cos preparativos e Ana multiplícase por cinco para organizar todo o que lles queda pendente. O que David non imaxina é que Ana tamén terá tempo para sorprendelo como merece.

Fuente Crtvg.es