Na maratón de ‘Pratos Combinados’ desta semana aparece, por primeira vez na serie, o querido Olveira ‘Pico’

0
8

Santiago, 20.05.2020.-  Televisión de Galicia emite, de novo, este mércores catro divertidas entregas de ‘Pratos Combinados’ (22.25 h), a primeira comedia de situación galega, que segue acadando con éxito o respaldo da audiencia. As aventuras desta noite comezan co episodio titulado ‘Tódolos homes son distintos’, en que Rosalía prepara a súa oposición coa esperanza de se converter en profesora de instituto. Un antigo profesor -o coñecido catedrático Ramón Parga- promételle axuda. Trátase dun home abraiante que ademais sabe entender o papel da muller actual. Pero nada é como parece…

No segundo capítulo, ‘Cóctel’, entra en acción un personaxe que traerá moitas sorpresas. Trátase de Matías, interpretado polo querido Xosé M. Olveira ‘Pico’, un home encantador que aparece polo bar buscando unha antiga namorada. Ademais, como é todo un experto en preparar cócteles, Antón e Miro deciden aprender as súas boas artes de combinar. Pola súa parte, a filla Rosalía móstrase nerviosa pois está a piques de presentarse a unha oposición, pero as sorpresas que traerá Matías non serán para menos.

A continuación, en ‘A recomendación’, a filla maior da familia Pereira está vivindo uns días de gran intranquilidade debido ás súas oposicións, e o seu pai Miro, que é dos que aínda confían nas recomendacións, comeza a matinar algúns vellos métodos para superar os exames. Confiándose ao seu cuñado Antón, pídelle axuda para preparar unha estratexia que el cre infalible e na que intervirán lacóns, empanadas e viños do país.

A maratón desta semana despídese coa emisión de ‘América, América’, episodio en que o protagonista será Miguel, o pequeno do Bar Suízo. O fillo de Miro e Balbina séntese moi ilusionado polo intercambio que prepara o seu instituto cun colexio dos Estados Unidos pero o certo é que as posibilidades de viaxar ao outro lado do océano son escasas debido ás dificultades económicas da familia Pereira. O tío Antón, coma sempre, intenta aportar as solucións que ten ao seu alcance, pero todos os enredos que pon en marcha non fan máis que empeorar as cousas.

Fuente Crtvg.es