No seu regreso á Galega, o espazo ‘As Luces’ xunta esta noite para dialogar a Benedicta Sánchez e Rubén Riós

0
10

Santiago, 02.02.2021.-  O martes á noite é tempo para a conversa e a reflexión no programa ‘As Luces’, que regresa hoxe (00.15 h) á grella da Televisión de Galicia, presentado e dirixido por Xosé Carlos Caneiro. Na súa terceira tempada, o espazo volve darlle a palabra a persoas populares e relevantes da sociedade galega para falar sobre diversos aspectos da vida, cuestións que non sobresaen por formar parte dos temas da actualidade no día a día, senón que forman parte da súa filosofía vital, como os soños, as aspiracións persoais e profesionais ou os fracasos. Este formato, do que se emitirán 12 entregas, está producido pola canle pública galega.

Nesta primeira entrega, dialogarán fronte a fronte o actor e produtor Rubén Riós e Benedicta Sánchez, fotógrafa que saltou á popularidade e conquistou os corazóns dos espectadores tras interpretar o papel protagonista en ‘O que arde’, traballo polo que obtivo o premio Goya á mellor actriz revelación. Dúas persoas, de entrada, distantes nas súas ocupacións e momentos vitais pero con puntos en común nas súas maneiras de ver a vida. Ambos manterán unha conversa sosegada sobre cuestións polas que comparten interese e baseadas nas súas propias experiencias.

Pola súa parte, o escritor e xornalista Xosé Carlos Caneiro descubrirá facetas pouco coñecidas dos convidados, ao tempo que suscitará unha conversa con propósito divulgativo sobre os máis variados ámbitos de coñecemento.

Nas vindeiras semanas, o estudio de ‘As Luces’ recibirá profesionais de prestixio de distintos ámbitos, coma o xuíz Xosé A. Vázquez Taín, o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, a pintora Menchu Lamas, a investigadora Clara Cid, o actor e humorista Farruco, o médico e profesor Juan Gestal, a directora e xornalista Paula Cons, os músicos Lucia Pérez e Carlos Domínguez ‘Charlie’, os avogados Paula Yebra e José Luís Gutiérrez Aranguren, as profesoras Alicia Tojeiro, María Bastida e María Cadaval, as xornalistas Alba Mancebo, Esther Estévez e Juan Tallón, e os actores Monty Castiñeiras e Manuel Manquiña.

Fuente Crtvg.es