Nova noite de humor na TVG, coa divertida maratón de catro capítulos que propón ‘Pratos Combinados’

0
14

Santiago, 13.05.2020.-  Nova noite de humor na Televisión de Galicia, na compaña de Miro Pereira e os asiduos ao Bar Suízo de ‘Pratos Combinados’ (22.30 h). Unha vez máis, os espectadores terán a posibilidade de escachar coa risa coas catro entregas desta semana.

A maratón deste mércores comeza co capítulo ‘Alta cociña’. Nesta ocasión, os clientes do Bar Suízo poderán degustar os exquisitos pratos de Paco, un parente da familia Pereira que reside en Suíza, onde acadou un notable éxito como chef dun restaurante de luxo, e que vén pasar uns días de vacacións coa súa familia. Antón, brillante asesor de Miro, terá a idea de aproveitar a presenza do chef para organizar unha ‘Semana da Alta Cociña’ no Bar Suízo. A idea, malia que procede de Antón, semella prometedora, pero os resultados non serán os agardados. A repentina enfermidade de Migueliño, o menor dos Pereira, pode axudar a que todo se resolva.

En ‘O novo propietario’, Miro Pereira chega a un acordo con Paspallás, o repartidor, para que lle ceda temporalmente o Bar Suízo, co gallo da visita que a súa noiva de Monforte lle vai facer. Sen dúbida, isto supón un motivo de alegría, pero o problema está en que Paspallás lle ten dito á súa moza que era un próspero empresario da hostalería e o verdadeiro dono do Bar Suízo. As fantasías de Paspallás contarán, en primeira instancia, coa colaboración de Miro Pereira, pero os divertidos equívocos que se irán producindo a medida que o resto do persoal se vaia decatando, constituirán o fío condutor desta nova aventura da familia Pereira.

A continuación, no episodio que leva por título ‘Todo un artista’, poranse a proba os celos de Miro Pereira, cando a súa dona Balbina e a súa filla Rosalía senten unha gran admiración por algúns artistas e, sobre todo, polo escritor Tomás Vilariño, un dos habituais clientes do bar. Ante esta provocación, Miro afirma que el é tan imaxinativo e creador coma o que máis, e decide converterse en escritor contando para iso coa inestimable axuda do seu cuñado Antón. Ao mesmo tempo, o popular cociñeiro Paco Feixó anuncia que gravará un dos seus programas da TVG no Bar Suízo, coas exquisitas receitas de Balbina.

‘Pratos Combinados’ despídese por esta semana con ‘Mans de seda’. No Bar Suízo prodúcese toda unha serie de roubos. O Paspallás, Antón e algúns outros clientes botan en falta as súas carteiras. Cando á Balbina lle falta a súa axenda electrónica pecha de súpeto as portas do bar coa esperanza de que o ladrón aínda estea no interior do local. Cando, finalmente, se descobre o ladrón, un xesto de sorpresa e incredulidade aparece nos rostros de todos.

Fuente Crtvg.es