Nova saída do programa ‘Diario Cultural’, que este martes leva os seus micrófonos ao festival Curtocircuíto de Santiago

0
12

Santiago, 05.10.2021.-    O programa ‘Diario Cultural’ segue con espírito viaxeiro neste comezo do outono e, despois da súa presenza a semana pasada no OUFF, para este martes ten planificada unha nova saída dos estudios da Radio Galega. Neste caso, o espazo presentado por Belén Regueira e Vituco Neira levará os micrófonos á Rúa Nova de Santiago, ao pé do Teatro Principal, un dos escenarios das proxeccións do festival Curtocircuíto.

Nesta saída, o espazo cultural da RG dobra novamente a súa duración e ofrecerase de 17.00 a 18.00 h para debullar todo o que ofrece esta décimo oitava edición do certame compostelán, que ata o vindeiro domingo proxectará 120 filmes e programará 10 actuacións. Esta edición repite o formato híbrido entre a presencialidade o e dixital cunha selección de cintas que, un ano máis, apostan pola vangarda, a diversidade e o risco creativo.

Polo programa pasarán o director do festival, Pela del Álamo, e outra das fundadoras de Curtocircuíto, Gael Herrera, a produtora do documental ‘No somos nada’, sobre o grupo La Polla Records. ‘Diario Cultural’ tamén falará con Eloy Domínguez Serén, Xacio Baño e Antía Carreira, tres dos directores que presentan pezas na sección ‘Planeta GZ’; Enar de Dios, protagonista da sección ‘Terra’, e Bandia Ribeira, fotógrafa que realiza unha residencia artística sobre a imaxe de Santiago durante o festival. Ademais, contará  coa presenza do compositor e produtor galego CRNDS, que actúa co seu proxecto coa cantareira Fransy González dentro da programación do festival.

Fuente Crtvg.es