Novo reto para os cinco famosos de ‘Comando G’, esta semana, coa cantante Lucrecia como artista convidada

0
47

Santiago, 19.01.2022.-  Xosé Manuel Piñeiro, Xosé Luís Blanco Campaña e a artista convidada, Lucrecia, serán esta noite os encargados de valorar as experiencias que terán que superar esta semana os famosos de ‘Comando G’, ademais das súas actuacións musicais no escenario, en que versionan cancións moi coñecidas.

Paloma Lago viaxará moi cedo ata A Guarda para converterse nunha valente percebeira. Pepi Mariño será a encargada de que a modelo e presentadora sexa unha compañeira máis da confraría. Unha semana máis, demostrará que cada experiencia é unha oportunidade para coñecer un novo oficio e poñer todo da súa parte para cumprir o reto con sobresaínte.

Lucía Rodríguez sempre se queixa de que é arrítmica, así que esta semana sairá da súa zona de confort para formar parte do Club Maniotas de Vigo, de ximnasia rítmica. Unha experiencia dura e inesquecible, en que a presentadora se esforzará moito para realizar un adestramento e aprender un anaco da coreografía que as ximnastas levaron ao Campionato de España. Aiala Ortiz será a encargada de que, polo menos, o intente.

Pola súa parte, Alberto Comesaña terá que presentarse a unha oferta de traballo dunha pastelería. Alba Pahino será a súa xefa durante toda unha xornada, en que terá que aprender o oficio e sacar adiante todos os pedidos. Con bastantes dificultades, o cantante de Amistades Peligrosas traballará duro para que o contraten.

Mentres, Trisha Fernández vivirá esta semana unha das súas experiencias máis duras. Xunto a Diego Fernández, coñecerá o fútbol gaélico, un deporte semellante ao rugby, que require estar moi en forma. Os espectadores verán a presentadora levar o seu físico ao límite, nun xogo de equipo pouco coñecido pero cunha grande antigüidade.

E Patricia Pérez entrará por primeira vez nun salón de peiteado de animais. Terá que converterse nunha empregada máis e atender varios clientes, que non lle porán o traballo nada doado. Aínda así, a presentadora demostrará a súa paixón e habilidade cos animais.

Fuente Crtvg.es