O beach pop do grupo valenciano Bombai e a aposta ecléctica da Banda da Loba animarán a velada musical deste sábado en ‘Bamboleo’

0
7

Santiago, 22.02.2020.-     ‘Bamboleo’, o programa da Televisión de Galicia da noite dos sábados, recibirá hoxe no escenario o grupo valenciano Bombai, que aterra cun estilo bautizado como beach pop, xa que a súa proposta respira frescura e positividade e mestura rock, reggae, indie e pop. A banda deuse a coñecer con ‘Sólo si es contigo’, unha canción que arrasou en toda España.

Tamén estará no escenario o grupo A Banda da Loba, que presenta o seu segundo disco tras o boom de ‘Bailando as rúas’. ‘Fábrica de luz’ é unha aposta musical ecléctica en que teñen cabida o folk, o pop, o rock e os ritmos latinos. Todo isto para construír un traballo de creación, reflexión e homenaxe arredor da idea de nai entendida en sentido amplo.
    
O espazo de entretemento da noite do sábado na TVG, que presenta Xosé Manuel Piñeiro, seguirá contando coas mellores orquestras do panorama galego, esta noite coa actuación de M-3.

No escenario tamén estarán dous aspirantes que competirán coas súas voces e interpretando dúas cancións de dous artistas coñecidos na proba do ‘Agora ou Nunca’. Virginia Senra interpretará ‘La gata bajo la lluvia’, de Rocío Dúrcal, e Roberto Romero fará o propio con ‘Quizás, quizás’, de Nat King Cole e Andrea Boccelli.

Ademais, coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, en que Reyes e Susi se enfrontarán ao karaoke con ‘Cuando nadie ve’, de Morat, e ‘Dirtidansi’, con Abel e Belén bailando rumba e chachachá.

Fuente Crtvg.es