O cantante David Civera presentará o seu novo disco en ‘Bamboleo’ e tamén lembrará os seus grandes éxitos

0
19

Santiago, 07.11.2020.-    ‘Bamboleo’ (22.00 h), o espazo musical presentado por Xosé Manuel Piñeiro, recibe este sábado a visita dun clásico da tele, o cantante turolense que en 2001 representou a España en Eurovisión: David Civera. O artista lembrará éxitos inesquecibles, entre os que destacan ‘Dile que la quiero’, ‘Que la detengan’ ou ‘Bye, bye’ e, por suposto, interpretará temas do seu último traballo, titulado ‘Empatía’, entre eles ‘Mundo diverso’. Ademais, David chega disposto a dalo todo nos xogos que lle proporán Tamara Pérez e Claudio Pan.

A cantante Erea Castro tamén estará en ‘Bamboleo’ presentando o seu sinxelo ‘Fica á dica’, un tema que forma parte dun proxecto con sabor galego e portugués, que fusiona as culturas musicais das marxes do río Miño. Os ritmos máis verbeneiros traeraos ao estudio a orquestra Tokio, unha interesante formación cunha proposta moi definida.

No ‘Dirtidansi’, Javier e Cristina, a parella de bailaríns profesionais desta noite, presentarán dúas exhibicións: un showdance e un chachachá cubano, bailes cos que triunfan nas competicións mundiais. Pola súa parte, Carla Pacheco e Juancho Cruz enfrontaranse ás cámaras de televisión no ‘Agora ou Nunca’ interpretando dous temazos: ‘Campanera’, de Joselito, e ‘Soldadito marinero’, de Fito & Los Fitipaldis.

No karoke de ‘A Jrileira’ cantarán Sabela, polo Club Reale Lestedo Veteranos, de Boqueixón, e Carnero, pola Sociedade Deportiva Sarrriana. No karaoke terán que interpretar ‘La gota fría’, de Carlos Vives, e a continuación deberán adiviñar intérpretes.

Chegada ‘A ITV do Amor’, a sección máis golfa do ‘Bamboleo’, un participante do público conseguirá un gran premio se dá acertado quen é a parella de Pachi. Para iso terá que prestar atención ás respostas das posibles mozas: Bea, María e Lorena. Un xogo que convida a divertirse e a participar desde a casa.

Fuente Crtvg.es