O cantante e compositor galego Pablo Lesuit achega na G2 o seu estilo independente no ‘Galicia emerxe’

0
9

Santiago, 14.04.2021.- O compositor, cantante e músico multiinstrumentalista Pablo Lesuit sobe ao escenario esta noite do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que ofrece a G2 a partir das 23.25 h. O artista, que destaca na nova escena da canción iberoamericana polo seu estilo persoal e independente, amosará a súa sensibilidade lírica, que combina con grandes doses de percusión, guitarras e samplers.

Nos últimos anos, Pablo Lesuit colaborou con artistas destacados, como Jorge Drexler, Eladio y los seres queridos ou Esmeralda Escalante. Esta noite, o artista dará boa mostra do seu último disco Belorizonte, un álbum diferente e moi vital, en que recolle unha experiencia en cada unha das súas dez cancións. Unha viaxe por diversos estilos e instrumentos para un cantautor que non entende de etiquetas musicais.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es