O cantautor ferrolán Andrés Suárez e a artista venezolana Georgina presentan esta noite os seus novos traballos en ‘Bamboleo’

0
18

Santiago, 05.03.2022.-    ‘Bamboleo’, o espazo de entretemento da Televisión de Galicia que conduce Xosé Manuel Piñeiro, recibe hoxe a visita de Georgina e de Andrés Suárez. O ferrolán, que deixou Galicia para probar sorte en Madrid coas súas composicións musicais, chega ao programa cunha reedición do seu novo disco: ‘Andrés Suárez Deluxe’, o álbum máis persoal do artista, que inclúe temas novos, como ‘Nina’ e ‘No diré’, que hoxe interpretará en ‘Bamboleo’.

Pola súa parte, a venezolana Georgina ten unha carreira musical chea de éxitos e recoñecementos, como a candidatura aos Grammy Latinos. O novo traballo discográfico da artista publicarase ao longo do ano e recolle os temas que cantará no ‘Bamboleo’ desta noite: ‘Infinitamente’ e ‘Desde lejos’.

Os dous convidados compartirán as súas novas creacións e participarán nos xogos que lles proporán Claudio Pan e Tamara Pérez. Tampouco faltarán as intervencións do polifacético Isi, coas que cada semana divirte o persoal.

O Grupo Garibaldi encherá o estudio de ritmos verbeneiros, mentres que, no tempo do baile, o protagonismo será para unha parella de baile deportivo especializada en latinos: Mikel e Sara, que foron campións de España.

No ‘Agora ou Nunca’ participarán Sandra Guedev, que cantará o tema ‘Toxic’, de Britney Spears, e Ximena Rodríguez, que interpretará ‘Have you ever seen the rain’, de Creedence Clearwater Revival.

Manu e Isidro, representantes do Sport Team Estrada e do Moraña Club de Fútbol, respectivamente, competirán en ‘A Jrileira’ intentando facer o maior número posible de puntos cantando no karaoke e acertando cantantes.

Finalmente, na ‘ITV do Amor’, un participante do público terá que adiviñar cal é a parella de Irune en base ás respostas dos posibles mozos: Daniel, Hugo e Álvaro. Será a última proba do programa, a que anima a participar a toda a xente do estudio, espectadores e colaboradores.

Fuente Crtvg.es