O Celta-Vilarreal abre este venres as retransmisións deportivas do ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega

0
16

Santiago, 12.01.2023.-    Esta fin de semana as retransmisións deportivas comezan xa na noite do venres na Radio Galega. A partir das 20.30 e ata as 00.00 h, Paco Santos conduce a despregadura do ‘Galicia en Goles’ no estadio municipal de Balaídos para contar o que suceda no Celta-Vilarreal. Os dous equipos comezaron 2023 con cadansúa vitoria destacada.

O sábado, a partir das 15.00 h, a atención estará posta na Primeira RFEF, primeiro co partido entre dous candidatos ao ascenso, o Alcorcón e o Deportivo, e logo chegará a quenda do Pontevedra, que visita o Unionistas en Salamanca. O baloncesto terá presenza coa Liga ACB en Málaga, onde o Breogán de Lugo visita o Unicaja.

Xa o domingo, a edición matinal adianta o comezo ás 11.45 h para seguir desde o Fernando Torres o Fuenlabrada-Celta B, da Primeira RFEF, e no Espiñedo o derbi da Segunda RFEF entre o Arenteiro e o Lugo B. Tamén haberá encontro de baloncesto, coa cita do Obradoiro en Sevilla ante o Betis. A sesión de tarde principiará ás 15.00 h co Mirandés-Lugo, da Segunda División profesional, e o Rácing de Ferrol-San Sebastián de los Reyes, da Primeira RFEF, como as citas destacadas. A partir das 23.00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta para opinar dos resultados dos  equipos galegos.

Na fin de semana, o proxecto da CRTVG #GaliciaEnXogo terá tres edicións durante o sábado. A primeira, ás 13.00 h, en que Alfonso Pardo visita Pantón para presentar a historia do Ferreira Club de Fútbol. Ás 15.15 h chegará o momento de saber máis sobre os xogos electrónicos e a súa repercusión en Galicia. Por último, de 23.00 a 00.00 h, Rodrigo Pérez e Toni López informarán do motor e da actualidade dos galegos que preparan os próximos Xogos Olímpicos de París 2024.

Fuente Crtvg.es