O decisivo Deportivo-Albacete, este sábado na Radio Galega

0
19

Santiago de Compostela, 10.06.2022.-   Este sábado, a Radio Galega instala o estudio móbil no estadio de Riazor coruñés para seguir o decisivo partido Deportivo-Albacete, no que está en xogo o regreso ao fútbol profesional do equipo coruñés. A Radio Galega emitirá unha programación especial co estudio móbil de ‘Galicia en goles’ situado ao carón do estadio de Riazor, en pleno paseo marítimo. O equipo de deportes, capitaneado por Xoán Galán, contará as horas previas ao partido final, con entrevistas a deportivistas ilustres e enquisas a pé de rúa.

A partir das 16:00 h, os reporteiros estarán pendentes da chegada ao estadio dos autobuses nos que se desprazan os dous equipos, o Deportivo e o Albacete. Javi Torres e Xosé Manuel Traba narrarán o partido e, ao seu remate, de se producir o ascenso, o programa transmitirá as celebracións no campo, na contorna do estadio e ampliará a cobertura ata a fonte de Catro Camiños, lugar habitual de celebración por parte dos seareiros brancos e azuis. A emisión deste programa especial chegará á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, G24.gal, Radioplayer España, aplicacións para o móbil e os altofalantes Alexa.

O domingo, o Liceo-Reus de hóckey, en televisión e radio

Ademais, na fin de semana, a G2 (12:00 h) retransmitirá desde A Coruña o segundo partido da final da liga de hockey sobre patíns entre o Liceo e o Reus, que tamén emitirá o ‘Galicia en goles’ da Radio Galega, cun programa especial desde Riazor para narrar este partido clave para orientar unha final antes de viaxar a terrar catalás.

E pola tarde, ás 15:00 h, a sesión vespertina estará presente nos partidos máis importantes das eliminatorias de Copa en Ourense, Lugo, A Coruña e na Costa da Morte.

Ademais, o sábado chegará ás 13:00 h do mediodía a penúltima entrega desta temporada de ‘Convivir deportivo’ na Radio Galega. Alfonso Pardo visita nesta ocasión á Sociedade Deportiva Páramo.

O domingo na G2, o Gran Premio de Alemaña de Motocrós

A G2 retoma o deporte o domingo para emitir o Mundial de Motocrós MXGP, coa primeira carreira do Gran Premio de Alemaña a partir das 14:00 h e coa segunda a partir das 17:00 h, con especial atención aos pilotos galegos Jorge Prado e Rubén Fernández.

Fuente Crtvg.es