O derbi Rácing de Ferrol-Celta B abre o venres a xornada de ‘Galicia en goles’

0
14

Santiago, 18.11.2021.-  Esta fin de semana preséntase intensa no fútbol galego. O venres, desde as oito e media da noite, o Rácing de Ferrol e o Celta B protagonizan o derbi da Primeira Federación co obxectivo de sumar os tres puntos e achegarse aos postos de promoción de ascenso á Segunda Profesional.

O sábado, ‘Galicia en goles’ adianta o comezo á 1 do mediodía para retransmitir desde Balaídos o Celta de Vigo-Vilarreal, da Primeira División. Pola tarde, o fútbol da Terceira RFEF, o Obradoiro-Zaragoza, da Liga ACB de baloncesto, e o campionato galego de squash completarán a axenda de retransmisións. Ás 11 da noite, tras as competicións en directo, chegará a actualidade do motor, no ‘Gas a fondo’, e a partir das once e media os deportistas galegos que preparan os próximos xogos olímpicos terán voz no ‘Galicia en París’.

O domingo, desde as doce menos cuarto, o interese pasará polo Raio Majadahonda-Deportivo, da Primeira RFEF, xunto aos da Segunda RFEF Llanera-Arenteiro, Avilés-Pontevedra e Coruxo-Leganés B. A partir das 3, o Lugo-Éibar, da Segunda Profesional, tomará o mando da tarde, que tamén ten calendario na Segunda e na Terceira Federación. Tras o fútbol chegará o baloncesto, coas citas nas ligas masculina e feminina, e o balonmán europeo, co desenlace da eliminatoria Guardés-Besançon. A partir das 11 da noite, os especialistas séntanse arredor da mesa de debate en ‘Ao contraataque’, para analizar os resultados dos nosos equipos nas principais categorías.

Os afeccionados ao baloncesto teñen na matinal do domingo unha emisión exclusiva a través de G24.gal/directos coa retransmisión do encontro da Liga ACB entre o Breogán e o Joventut de Badalona.

Fuente Crtvg.es