O documental ‘Oficios doutro tempo: barquilleiros, capadores e augardenteiros’, estrea esta noite na G2

0
14

Santiago, 25.02.2021.– A G2 achégase esta noite a oficios tradicionais que, aos poucos, van desaparecendo da nosa sociedade, coa estrea do documental ‘Oficios doutro tempo: barquilleiros, capadores e augardenteiros’ (23.25 h), dirixido por Luis Baños Campo en 2020.

A evolución social e económica introduciu cambios nos traballos, nas profesións e nos modos de vida da xente. Isto implicou a aparición de novas actividades ou a modernización das existentes, que co paso do tempo acabaron por arrecunchar profesións que ocupaban a centralidade da vida diaria, converténdoas en oficios singulares, como estadio previo á súa desaparición.

O cometido deste documental é o de recuperar estes oficios tradicionais para a historia, de xeito que permitan manter o relato dos tempos en que tiveron protagonismo, así como legar ás novas xeracións documentos que sirvan de testemuños e que sosteñan a memoria colectiva para coñecer o noso pasado. Así, os barquilleiros, capadores e augardenteiros son tres vellas profesións, que foron moi populares e que hoxe están desaparecidas e engulidas polas novas tecnoloxías e técnicas profesionais.

A través de testemuños de persoas que desenvolveron estas profesións coñecerase, en primeira persoa, como era o seu labor e a vida afastada das súas familias para levalas a cabo.

Os barquillos son finas pastas delgadas elaborada con fariña, azucre e canela ou algunha outra esencia. Facíanse en forma de cono (similares ás que se utilizan para soster os xeados) ou de barco, que é a forma que da nome a este apreciado produto noutros tempos, polo seu sabor e tamén polo seu escaso custe. Vendíanse nas feiras, nas festas, romarías e máis modernamente nas praias, onde o barquilleiro voceaba de xeito característico para anunciar a súa presenza.

O capador era o encargado da esterilización dos animais domésticos, cuxa carne era destinada ao consumo humano, xa que se consideraba que tiña mellor sabor. Tamén se sometían a esta operación animais de maior envergadura dedicados a traballar nos labores agropecuarios: bois, burros e cabalos, maiormente, xa que se volvían máis mansos e manexables. Aínda había outros animais que podían ser capados para evitar a súa reprodución, como cans ou cadelas.

A estila é a técnica mediante a que o destilador ou augardenteiro converte o bagazo da uva fermentada en augardente. O proceso comeza introducindo o bagullo ou bagaño, segundo as zonas, nun pote de cobre pechado cun alambique e unha serpentina que rodea o interior dun bidón; logo ponse lume por baixo ao pote, e ao quecer envía o vapor con alta graduación alcólica polo alambique, que se licuaba ao seu paso ao través dunha serpentina para saír ao exterior paseniñamente convertido en augardente.

Fuente Crtvg.es