O espazo ‘Na mente do asasino’ afonda esta noite no crime da praia da Chapela

0
16

Santiago, 08.12.2020.-  ‘Asasinato no San Xoán’ é o título da entrega desta semana da serie documental ‘Na Mente do Asasino’ (22.30 h), que afonda nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos.

En 2017, Daniel Beltrán festexaba a noite de San Xoán na praia de Arealonga, en Chapela, cun grupo de amigos. Eran as 5 da madrugada cando se cruzou no seu camiño José Luis Luna Pereira, un home con antecedentes. José Luis púxose a ouriñar a poucos metros de onde estaba o grupo de Daniel e este reprendeulle a súa actitude. Luna Pereira sacou a arma que portaba e disparou contra o rapaz.

Facendo uso da última palabra no xuízo, Luna Pereira dixo o seguinte: “Non teño perdón e non o pido, pero se son como son é culpa do sistema, que crea máquinas do mal”. Ata que punto é o sistema responsable deste crime? Podíase evitar?

Coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, do xornalista Ujué Foces e do avogado Guillermo Presa, entre outros, ‘Na Mente do Asasino’ afondará no caso e nos detalles dos feitos.

A continuación do documental, na mesa de análise do programa sobre as personalidades psicopáticas, participarán expertos de diferentes ámbitos: a doutora en Pedagoxía Mar Lorenzo, o médico forense Alberto Fernández Liste, o avogado José Luis Gutiérrez Aranguren e o psiquiatra Luis Ferrer.

Fuente Crtvg.es