O especial ‘A mellor orquestra do ano’ percorrerá as verbenas de 2023 e recollerá o testemuño dos integrantes das formacións musicais máis destacadas de Galicia

0
24

Santiago, 03.01.2023.-    Cal foi a mellor orquestra en 2023? Contestar a esta pregunta é o reto que lles propón esta noite a TVG aos seus espectadores, cunha emocionante competición musical entre as formacións Los Satélites, El Combo Dominicano, París de Noia e Panorama.

O programa especial ‘A mellor orquestra do ano’ (22:55 h) propón unha viaxe ben divertida e musical polos momentos máis importantes do ano que acaba de rematar, da man de catro das grandes orquestras galegas, nunha noite en que a audiencia da Galega poderá gozar dos seus ritmos e pasalo ben desde a casa.

As reporteiras e reporteiro do programa, Adela Bértolo, Belén Vara, Amanda Fernández  e Miguel Mandayo, conversarán cos membros das catro formacións musicais e repasarán con eles o máis salientable dun ano que estivo cargado de anécdotas e actuacións memorables.

Unha das persoas coas que falarán é Blas Piñón, unha lenda da París de Noia. Tamén coñecerán o resto de membros da formación e comprobarán a paixón que teñen os de Noia pola orquestra da casa. E, como non, asistirán a unha incrible actuación da que, para moitos, é a mellor orquestra de Galicia.

Na Coruña, pasarán un día con Noly e os integrantes da histórica orquestra Los Satélites, tamén para facer balance do ano que acaba de rematar. E, como non podería ser doutro xeito, haberá tempo para gozar da música destes veteranos do escenarios.

Pola súa parte, os membros de El Combo Dominicano, chegados desde as Canarias, revelaranlles aos espectadores da TVG por que teñen unha relación tan íntima e bailadeira coas xentes do país. Ademais, a audiencia terá ocasión de ver algunhas das súas actuacións memorables de 2023.

E non podía faltar a espectacular orquestra Panorama. Como lles foi o 2023? Cal foi a súa actuación máis especial? Os reporteiros estarán con Lito e o resto de compoñentes dunha formación que arrastra as masas por toda Galicia.

‘A mellor orquestra do ano’ rematará cunha emocionante entrega de premios e mencións especiais para todas estas orquestras e outras que axudaron a amenizar o 2023 e facer que fose moito máis divertido e cargado de ritmo.

Fuente Crtvg.es