O ‘Eventos G’ de hoxe achégase á historia de Toxos e Froles, Coral de Ruada, Cántigas da terra e Cantigas e agarimos

0
15

Santiago, 19.8.2022.- Presentado polo xornalista Arturo Fernández e polo cantante e compositor Roi Casal, Televisión de Galicia ofrece este venres un novo ‘Eventos G’ (21.55 horas). Co lema de ‘Quen ten unha coral, ten un segredo’, o especial desta noite homenaxeará os catro grandes coros históricos de Galicia: Toxos e froles, de Ferrol; Coral de Ruada, de Ourense; Cántigas da terra, da Coruña, e Cantigas e agarimos, de Compostela.

‘Quen ten unha coral, ten un segredo’ vai ser un programa en que os espectadores coñecerán a historia de cada un destes coros, así como anécdotas descoñecidas das súas traxectorias.

Os integrantes destes coros tamén serán protagonistas nesta edición. Apaixonados pola música e a cultura galega, en cada agrupación, entre as súas voces hai un forte compromiso para asistir aos días ensaios, pasar moitas horas no autobús para os desprazamentos, amais das numerosas viaxes, en que xorden moitas das súas aventuras. Neste senso, no especial desta noite verase tamén a convivencia e os lazos especiais de amizade que xorden entre os seus membros. No ‘Eventos G’ de hoxe non quedará ningún segredo sen descubrir! E por se isto fose pouco, ao longo do espazo, contarase coas vistosas actuacións musicais do Coro Coda, de Vilagarcía de Arousa.

Fuente Crtvg.es