O filme de animación ‘Engurras’, unha historia sobre a terceira idade, protagonista este venres en ‘Clac’

0
32

Santiago, 04.11.2022.-    O programa ‘Clac’ estará dedicado esta semana a un filme de animación: ‘Engurras’, unha película producida en 2D e baseada no célebre libro do mesmo nome do autor Paco Roca, que foi Premio Nacional de Cómic en 2008.

‘Engurras’ é unha historia sobre a terceira idade. Trata sobre o proceso de facerse vellos, perder a memoria e mesmo a consciencia dun mesmo. Este filme, producido pola produtora Perro Verde en 2012, fala, en definitiva, de deixar de sermos nós debido ao alzhéimer.

A película relata a amizade de dous vellos nunha residencia da terceira idade. Un deles acaba de chegar ao centro cun alzhéimer avanzado. No doloroso percorrido entre os intres de confusión e o esquecemento absoluto, será axudado polo seu compañeiro. Nas súas aventuras, contarán coa autenticidade de Antonia, outra das usuarias do xeriátrico.

Para falaren de ‘Engurras’, visitan hoxe ‘Clac’ o guionista Ángel de la Cruz e a actriz Mabel Rivera, que lle pon a voz a Antonia. De la Cruz exporá como entrou no proxecto de adaptación do cómic de Paco Roca e relatará o proceso de construción do guión. Pola súa parte, Rivera lembrará a súa primeira experiencia poñéndolle voz a un debuxo en 2D e as dificultades para adaptar a cadencia aos movementos das liñas xestuais dos bonecos.

Fuente Crtvg.es