O filme participado pola TVG ‘Lúa vermella’, premiado no Festival de Málaga

0
4

Santiago, 31.08.2020.-   O audiovisual galego está outra vez de parabéns co novo galardón que acaba de recibir a longametraxe participada pola Televisión de Galicia ‘Lúa vermella’ no Festival de Cine de Málaga. Este último filme do vigués Lois Patiño, que competía na sección ZonaZine do certame, fíxose coa Biznaga de Prata á mellor película española.

Amais da Biznaga de Prata recibida por ‘Lúa vermella’, outras curtametraxes realizadas ou producidas por galegos foron galardoadas na vixésimo terceira edición do festival: ‘Carne’, ‘Xoves de Comadres’, ‘Homomaquia’, ‘Los que no sienten’ e ‘A media voz’. A Biznaga de Ouro recaeu na película ‘Las niñas’.

No imaxinario fantástico de ‘Lúa vermella’, producida por Zeitum Films e Amanita Studio, o cineasta galego introdúcese na Galicia do mar, onde a realidade e a lenda se funden. O filme ambiéntase nunha localidade da costa galega onde o tempo parece que se detivo. As persoas están paralizadas, aínda que as súas voces poden oírse: falan de fantasmas, de meigas, de monstros. Ao lugar chegan tres mulleres na busca do Rubio, un mariñeiro que desapareceu no mar.

O Rubio de Camelle é un mergullador que rescatou máis de 40 cadáveres de naufraxios e que se interpreta a si mesmo. No elenco destacan tamén Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos, que dan vida a un trío de meigas que, como a Santa Compaña, móvense no espazo onírico da película.

Tras o paso de ‘Lúa vermella’ polo festival andaluz, o filme de Lois Patiño continuará o seu percorrido por certames internacionais ata a súa primeira proxección en Galicia, da man do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, entre os próximos 3 e 11 de outubro en Compostela, previa á súa estrea en salas de cinema o vindeiro 30 de outubro.

Fuente Crtvg.es