O ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega remata temporada con moito deporte para esta fin de semana

0
6

Santiago, 08.07.2021.-   A Radio Galega emite esta fin de semana as últimas edicións da temporada de ‘Galicia en Goles’. O sábado, desde as 18.00 h, o protagonismo será para o balonmán internacional. Desde o pavillón das Travesas, o equipo de Deportes contará o España-Portugal, de preparación para os próximos Xogos Olímpicos.

Na cidade olívica tamén se desenvolve a xornada final da Vigo Cup de fútbol e alí estará un reporteiro da RG para achegarlle á audiencia o máis destacado dos partidos da tarde. Ademais, a partir das 23.00 h, o espazo de motor ‘Gas a Fondo’ contará en directo a chegada dos pilotos á meta do Rally Sur do Condado.

O domingo, tamén desde as 18.00 h, o ‘Galicia en Goles’ cambiará o parqué e o céspede pola praia, para trasladarlle á audiencia as finais das disciplinas do tenis e do voleibol que nesta estación do ano mudan de superficie e se disputan nos areais galegos. No último treito do día, a atención estará posta na final da Eurocopa de fútbol, co encontro en Wembley entre Italia e Inglaterra. A partir das 23.00 h, ‘Ao Contraataque’ ofrecerá na edición dominical o máis interesante do sucedido no deporte galego durante os últimos sete días.

O ‘Galicia en Goles’ da Liga volverá o vindeiro 14 de agosto, coa primeira xornada no fútbol profesional. Xa se sabe que os dous equipos galegos debutarán o domingo 15: o Celta, en Balaídos ante o Atlético de Madrid, mentres que o Lugo visitará o Carlos Tartiere para enfrontarse ao Real Oviedo.

Fuente Crtvg.es