O musical ‘100 anos de verbena galega’ volve, esta noite, á TVG a ritmo de pop-rock

0
10

Santiago, 01.09.2020.-   O espectáculo musical ‘100 anos de verbena galega’ (22.00 h) volve este martes percorrer a historia destes festexos, a través das mellores formacións e cantantes de orquestras do noso país, presentado por Sara Rodríguez. A orquestra La Ocaband, acompañada por coñecidos artistas, será a encargada de conducir os espectadores polas distintas etapas e estilos que marcaron a verbena galega ata chegar á actualidade, esta noite, con cancións a ritmo de pop-rock.

Nas verbenas galegas non todo era música de baile ‘clásico’ e a irrupción nos anos 60 de novos ritmos, coma os temas dos Beatles, Queen e centos de grupos americanos e nacionais, aterraron tamén con éxito nos repertorios das nosas orquestras.

No escenario de ‘100 anos de verbena galega’, situado en Praia América (Nigrán),  a orquestra La Ocaband contará coa participación de recoñecidos artistas destas formacións galegas, como Miguel Torres (orquestra Compostela), Luis Rey (excantante da orquestra Los Satélites), Luis Queimada (Grupo Queimada), Carlos Mariano (Suavecito), Blas (París de Noia), Willy (excantante da Sintonía de Vigo), Lito (Panorama), e Ruth Núñez, Fátima Pego e Marcos Rodríguez, cantantes en distintas orquestras, entre outros.

Realizado coas medidas de seguridade sanitarias correspondentes, o espectáculo contou como público con representantes de comisións de festas e entidades culturais.

Fuente Crtvg.es