O programa da TVG ‘Aquelando’ recibe o Premio ‘Ciencia en Acción’ na modalidade de divulgación científica

0
7

Santiago, 07.07.2020.-    O programa da Televisión de Galicia ‘Aquelando’ foi galardoado ex-aequo co Premio ‘Ciencia en Acción’ na modalidade de traballos de divulgación científica por ser “un espazo de televisión que destaca pola amenidade na linguaxe empregada, o coidado na precisión científica e a combinación de actividades prácticas, fomentando o interese pola ciencia no público en xeral”.

Con ‘Aquelando’, unha produción de Mirabelle Comunicación para a TVG, os medios públicos galegos apostaron pola divulgación científica dun xeito entretido, co obxectivo de desmontar falsos mitos e ensinarlle á audiencia a facer os seus propios experimentos. O programa, conducido polos divulgadores David Ballesteros e Manuel Vicente, conta tamén coa participación de destacados colaboradores como o profesor experto en ciencia cidadá José Viñas, a escritora, blogueira e youtuber Deborah Ciencia e a directora técnica da Domus da Coruña, Patricia Barciela.

Aquelando na casa’, a versión do programa realizada con motivo do peche dos centros escolares para apoiar os estudantes galegos e fomentar a aprendizaxe dun xeito entretido, tamén obtivo neste certame unha mención de honra, na categoría de demostracións científicas non presencias, polos seus “contidos de diferentes ramas científicas achegados por nenos, nenas e profesorado, que elaboraron experimentos científicos desde as súas casas durante o confinamento, creando un proxecto de educación científica”.

Ciencia en Acción é un certame internacional dirixido a estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica, en calquera das súas disciplinas. O seu principal obxectivo é presentar a ciencia dun xeito atractivo e motivador, para que os/as mozos/as se interesen por ela.

Fuente Crtvg.es