O programa ‘Na mente do asasino’ lembra esta noite o dobre crime de Xermade

0
12

Santiago, 15.12.2020.-  Os espectadores de ‘Na Mente do Asasino’ (22.40 h) lembrarán esta semana como a madrugada do mércores de cinza de 2012 a casa de Domitila, Víctor e o seu fillo Eulogio, na pequena aldea de Burgás, en Xermade, se converteu nun escenario macabro. Pai e fillo foron asasinados brutalmente a golpes. Domitila sobreviviu de milagre tras recibir un machadazo na cabeza e facer que estaba morta. Detrás do crime, segundo a Garda Civil, estiveron unha parella de mozos de Vilalba.

Un axuste de contas por drogas a pequena escala foi o presunto móbil. El Pibe e Brais Lozano foron acusados do que aconteceu aquela noite, aínda que o primeiro faleceu en prisión antes de ser xulgado. Ambos os dous buscaban droga, consumiran aquela noite e facíano de xeito habitual. De feito, Brais foi dos pacientes máis novos que chegaron a Proxecto Home na bisbarra: tiña apenas 13 anos.

Coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, dos forenses Fernando Serrulla e José Luis Cascallana, do xornalista Xosé María Palacios e do avogado Antonio Platas, entre outros, ‘Na Mente do Asasino’ afondará no caso e nos detalles dos feitos.

Despois do documental, na mesa de análise moderada polo xornalista Pablo Carballo, participarán expertos de diferentes ámbitos, como a psicóloga criminal Laura López Romero, o médico forense Alberto Fernández Liste, o garda civil Fernando Villar Santos e o subdirector de Tratamento do CIS, José Carlos Coello.

Fuente Crtvg.es