O Ribadeo Indiano, o Entroido de Verán de Fistera, a Feira Medieval de Betanzos e a Festa do Lacón de Silleda forman parte do menú de hoxe do ‘Vaia Troula’

0
29

As cámaras do programa tamén estarán na Festa da Faguía do Carnés, en Vimianzo, no Día das Peñas de Boiro e nas xornadas mariñeiras ‘Muros Mira ao Mar’, entre outros eventos

O Ribadeo Indiano, o Entroido de Verán de Fistera, a Feira Medieval de Betanzos e a Festa do Lacón de Silleda forman parte do menú de hoxe do 'Vaia Troula'

Santiago, 10.07.2022.-   Un domingo máis, o programa ‘Vaia Troula’ (23.15 h) chega cargado de sorrisos e bo humor á Televisión de Galicia. Nesta ocasión, Noelia Rey daralles a benvida aos espectadores desde Ribadeo, nunha nova edición da Festa Indiana. Durante a fin de semana esta fermosa vila da Mariña retrocede no tempo para vivir unha época chea de glamour e colorido habaneiro.
    
Pola súa parte, a reporteira Adela Bértolo irá ata Silleda. Alí celebran, despois de tres anos, a súa tradicional Festa do Lacón, en que agardan a presenza de centos de asistentes. Laura Ríos terá a oportunidade de gozar da Festa da Faguía do Carnés, en Vimianzo. Nesta troula os callos e os ritmos das charangas son os protagonistas absolutos. E Alba Lea estará no concello de Fisterra para pasalo en grande nun Entroido de Verán cargado de desfiles, música e sorrisos.
    
As cámaras de ‘Vaia Troula’ tamén estarán presentes no divertido Día das Peñas de Boiro, na festa de San Cristovo de Mesía e nas xornadas mariñeiras ‘Muros Mira ao Mar’. A Feira Franca Medieval de Betanzos, as festas de San Pedro de Crendes, en Abegondo, e o San Bieito de Mosteirón, en Sada, completarán o menú trouleiro do programa deste domingo pola noite, que contará tamén coas actuacións das mellores orquestras e grupos de Galicia.

Fuente Crtvg.es