Os/as mellores cociñeiros/as da Terra Chá e da Mariña lucense bateranse en duelo este mércores en ‘Come a Comarca. As Batallas’

0
11

Santiago, 23.12.2020.-     Os fogóns botan lumen na Televisión de Galicia, que ofrecerá este mércores a segunda edición de de ‘Come a Comarca. As Batallas’, unha competición en que 16 equipos de cociñeiros profesionais de diferentes zonas se enfrontan entre si nunha serie de eliminatorias para saber que comarca de Galicia é a que mellor cociña. A Terra Chá e A Mariña lucense serán as comarcas protagonistas desta segunda batalla, que chega á provincia de Lugo na procura dos mellores cociñeiros.

Esta semana, o duelo levará o programa a unha comarca con costa e a outra de interior, pero non reside aí a súa única diferenza. A Terra Chá, con máis de 1.800 quilómetros cadrados, é a máis extensa de toda Galicia. E A Mariña, realmente son tres mariñas: a Occidental, a Central e a Oriental. E que se pode comer nelas? Pois, aínda que a pescada do porto de Celeiro ou o bonito en Burela son dous clásicos obrigados na Mariña, cómpre non esquecer o seu legume estrela, a faba de Lourenzá, nin unha sobremesa clásica: a torta de Mondoñedo.

De doce tamén saben na Terra Chá, coa torta de millo de Guitiriz ou o roscón de Vilalba, a base de améndoas. Pero con moi bos pastos e un clima frío no inverno, é lugar de matanza de porco e tenreira galega. E só aquí se pode atopar o capón de Vilalba ou ver onde naceu toda unha raza de galos e galiñas: a de Mos, en Castro de Rei. Parte desta riqueza será amosada no percorrido que o presentador, Fran Cañotas, realizará por estes territorios cun único obxectivo: dar coas mellores cociñeiras e cociñeiros.

Unha vez conformados os equipos, costa e interior bateranse en duelo en ‘Come a Comarca. As Batallas’. Pola Mariña, o capitán será Bruno Pena, cociñeiro no Hotel Oca Praia de Foz. Con el estarán Felipe Fernández, da Horta de San Roque (Ribadeo); Víctor Valenzuela, do restaurante O Muro (Viveiro); Elena Olla e Miguel Ferreiro. Os da Terra Chá serán liderados por José Luis Álvarez ‘Bouso’, do restaurante O Castro, na Pastoriza. Completan o equipo Diego López, de Pascuais Eventos (Outeiro de Rei); Ovidio Pardiño, da Pastelería Ben (Vilalba); José Vázquez e Daniel Díaz.

Só unha das dúas formacións seguirá adiante na competición gastronómica da Galega, en que un xurado de 15 expertos probará a cegas o menú que elaboren a proposta dos xefes de salgados e doces do programa: Gerson Iglesias e Manuel Garea. Os seus votos decidirán quen continúa nun torneo en que o equipo finalista levará 5.000 euros. O gañador multiplicará por tres esa cifra e acadará 15.000 euros.

Fuente Crtvg.es