Os espectadores de ‘Cos Pés na Terra’ descubrirán de que están feitos os teitos das pallozas do Cebreiro e degustarán un exquisito pan de cabaza

0
5

Santiago, 19.10.2020.-     Na entrega desta semana do programa ‘Cos Pés na Terra’, Chemi, da Horta de Antía, demostrará que en cuestións agrícolas aínda hai moito que inventar. O programa tamén compartirá un día de traballo con Paco Nogueiras, amante da música e da natureza, e, sobre todo, de facer música sobre a natureza. Con el, os espectadores aprenderán a distinguir as árbores que nos rodean.

Ademais, o equipo do programa coñecerá as galiñas, vacas e porcos que Dolores e Sergio, de Granxas de Lousada, teñen en liberdade. O que pasa é que eles non sempre poden gozar delas.

Por outro lado, os espectadores coñecerán a Sergio, Carlos e Uxío, tres rapaces que uniron forzas nunha experiencia cooperativista do máis natural. ‘Cos Pés na Terra’ tamén conversará con José María, un home que fala sen rodeos e que sabe moito de pallozas. Explicaralle ao programa de que están feitos os teitos destas construcións tradicionais da zona do Cebreiro.

Finalmente, o espazo da TVG contará cun produto exquisito: o pan de cabaza. Mónica será a encargada de dar a coñecer este saboroso alimento, que prepara con esmero e en cuxa elaboración se unen traballo e estética.

Fuente Crtvg.es