Os medios públicos galegos ofrecen o mércores, en directo, o Debate sobre o estado da autonomía

0
13

Santiago, 11.10.2021.-   Os medios públicos galegos ofrecerán este mércores, en directo, o Debate sobre o estado da autonomía desde o Parlamento de Galicia. Os xornalistas Jesús Fontenla e Carme Lourido serán os encargados de realizar os comentarios para os seguidores da Televisión de Galicia e a Radio Galega, respectivamente, nun debate que será accesible na TVG en lingua de signos (LSE).
 
Este encontro político anual poderase seguir en sesión matinal, a partir das 10.00 horas, coa exposición do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que subirá á tribuna do Parlamento para facer balance da súa xestión e adiantar os seus compromisos de cara ao futuro. A continuación, a TVG ofrecerá un espazo especial, desde o estudio 300 de San Marcos, en que o xornalista Carlos F. Amado estará acompañado polos analistas María Cadaval, profesora de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Económicas da USC, e Roberto B. Valdés, catedrático de Dereito Constitucional na mesma universidade, para analizar as claves da intervención do presidente da Xunta, na antesala das primeiras valoracións dos voceiros dos grupos parlamentarios para a TVG.

Na franxa da tarde, retomarase a emisión desde as 16.00 horas, nun tempo en que tomarán a palabra os representantes dos grupos parlamentarios, por orde de menor a maior importancia numérica, para expoñer a súa visión da situación de Galicia. A eles seguirán as posteriores réplicas por parte de Núñez Feijóo.

O deste mércores será o primeiro debate da autonomía da actual lexislatura, ao non celebrarse en 2020 por mor da pandemia da covid-19. Serán tres días de debate destinados a analizar a situación do autogoberno. A xornada do xoves día 14 está reservada para que os grupos parlamentarios presenten as súas propostas de resolución, que serán debatidas e votadas na sesión final do venres.

Igual que a TVG, a Radio Galega tamén ofrecerá integramente esta primeira sesión do debate, tanto a intervención do presidente coma as dos grupos parlamentarios, coa emisión de especiais informativos entre as dúas sesións.

Fuente Crtvg.es