‘Os mortos van á présa’, unha comedia costumista de Ángel de la Cruz, é esta semana a proposta do programa ‘Clac’

0
18

Santiago, 10.12.2021.-    ‘Os mortos van á présa’, a película que esta semana poderán ver os espectadores de ‘Clac’ (22.55 h), é unha comedia costumista de Ángel de la Cruz baseada nun feito real, un suceso chocalleiro que no seu día tivo moita presenza nos medios. Un despiste deixou atascado un camioneiro na entrada dunha vila de Galicia por culpa das indicacións do seu navegador.

O filme rodouse na Mariña lucense, con base en Rinlo e obtivo nove premios Mestre Mateo, incluídos o de mellor filme e mellor interpretación masculina para o actor Chete Lera, sendo a película máis premiada ata agora xunto a ‘Cela 211’.

‘Os mortos van á présa’ conta a historia dunha camioneira que, por facerlle caso ao GPS, despois dunhas confusas indicacións dun veciño, acaba co camión atrancado nunha ponte, na entrada dunha vila mariñeira da costa lucense. Isto provócalles moitos problemas aos habitantes da vila, entre eles, a imposibilidade de soterrar o patrón maior da confraría de mariscadores.

No faladoiro previo á proxección do filme, Tania F. Lombao conversará co seu director, Ángel de la Cruz, que explicará como foi o longo proceso desde que se fraguou a idea do filme ata que puido rodarse e estrearse. Tamén comentará como xestionou a participación de arredor de 30 actores e actrices con texto, a forza da paisaxe e o realismo máxico e costumismo como eixos temáticos da película.

Tamén estará esta noite no estudio o actor Chete Lera, que porá de manifesto o pracer de traballar cos xa falecidos Xosé Olveira ‘Pico’ e Ernesto Chao. Así mesmo, explicará que se sente recoñecido polo cinema galego, pese a que a maioría dos seus traballos os fixo fóra de Galicia. Ademais, como é habitual, o coloquio contará coa participación de Eduardo Galán, experto en cinema dos medios públicos galegos.

Fuente Crtvg.es