Os partidos Celta-Valencia e Rácing de Ferrol-Deportivo da Coruña destacan esta fin de semana nas retransmisións deportivas da Radio Galega

0
24

Santiago, 02.12.2021.-    Tres días durou a primeira eliminatoria da Copa do Rei e, sen tempo para tomar un respiro, os afeccionados ao fútbol preparan xa unha nova xornada de Liga, que se vai desenvolver para os equipos galegos desde a tarde do sábado ata a noite do domingo. Antes, o venres, 20.30 h, os oíntes da Radio Galega terán toda a análise dos partidos, ademais do seguimento da Champions de fútbol sala feminino, coa cobertura do Burela-Normanochka de Rusia, desde o Pazo de Lugo.

O sábado, ás 15.00 h, ‘Galicia en Goles’ comezará co seguimento aos sete encontros adiantados da Terceira RFEF. Desde as 19.00 h, todo o protagonismo será para o Rácing de Ferrol-Deportivo da Coruña, derbi provincial na Primeira RFEF. O programa tamén seguirá o Langreo-Pontevedra, da Segunda RFEF.

O domingo, ás 12.00 h, o Coruxo-Arenteiro e o Adarve-Bergantiños de Segunda RFEF ocuparán a xornada matinal, xunto ao Rácing Féminas de Santander-Deportivo, de fútbol feminino. O Ensino-Zaragoza, de baloncesto, e a final da Champions de fútbol sala completarán a oferta matinal. A partir das 15.00 h, a sesión de tarde principiará co derbi Arousa-Compostela, seguirá co Lugo-Eivissa, de Segunda División profesional, e rematará ás 21.00 h co Celta-Valencia, desde Balaídos.

No ‘Galicia en Goles’ da fin de semana, os oíntes tamén terán información desde as canchas do baloncesto, pero, se prefiren escoitar íntegros os partidos, poden facelo a través da plataforma G24.gal/directos. Así, o sábado ás 18.00 h gozarán do Andorra-Obradoiro e o domingo, ás 20.00 h, disporán da retransmisión do Bilbao-Breogán.

Polo demais, os espazos deportivos da Radio Galega ofrecen durante a fin de semana outras ofertas radiofónicas. O sábado, ás 13.00 h, volve ‘Convivir Deportivo’ e o domingo ás 23.00 h, tras o Celta-Valencia, ‘Ao Contraataque’ ofrecerá a rolda de prensa de Coudet e debaterá cos especialistas os resultados dos equipos galegos.

Fuente Crtvg.es