Os presentadores Marcial Mouzo e Arturo Fernández protagonizan un ‘Xente Marabillosa’ sobre a fenda dixital

0
54

Santiago, 30.04.2023.-    O programa ‘Xente Marabillosa’ ocúpase nesta nova entrega da fenda dixital e de como afecta as persoas maiores, que, en moitas ocasións, sofren discriminación pola súa dificultade para adaptarse ao avance das novas tecnoloxías. 

As cámaras ocultas do programa estarán localizadas nunha cafetaría, onde os espectadores verán unha avoa coa súa neta, ambas interpretadas por dúas actrices. A persoa maior pediralle á máis nova que lle axude a facer unha transferencia de xeito on line, pero a moza non estará polo labor, amosando cara á anciá unha actitude pésima. Haberá xente marabillosa que a defenda e lle axude coa transacción? 

No bar tamén estará o presentador da TVG Arturo Fernández, cuxa actitude e comportamento non deixará a ninguén indiferente, como recollerá a cámara oculta. Cal será a súa reacción ante a situación da avoa e a neta?

Doutra banda, no estudio, a presentadora do espazo, Lucía Pérez, recibirá o locutor da Radio Galega e tamén presentador da TVG Marcial Mouzo, sensibilizado coa temática á que o programa se achega hoxe. No espazo da RG que conduce, ‘Pensando en ti’, recibe chamadas de moita xente maior que ten dúbidas sobre o uso de certos dispositivos ou cuestións tecnolóxicas, polo que presentador e colaboradores se poñen á disposición da audiencia para ofrecer a súa axuda. Por este motivo, será hoxe o encargado de entregar o trofeo de ‘Xente Marabillosa’. 

Ademais, nesta entrega do programa, non faltarán as sorpresas, tanto para a persoa marabillosa anónima como para Arturo Fernández. O espazo da TVG encargarase de atopar quen máis queren para emocionalos. E, coma sempre, haberá música. Neste caso, a cargo do popular grupo A Roda, cos seus temas de folk en galego.

Fuente Crtvg.es