Os segredos da gastronomía do Salnés, ao descuberto este mércores en ‘Come a comarca’

0
5

Santiago, 23.06.2020.-  Os espectadores da TVG coñecerán este mércores os segredos da gastronomía da comarca do Salnés grazas a unha nova entrega de ‘Come a Comarca’ (23.00 h). O equipo de cociñeiros do programa terá que aprender a preparar o menú máis tradicional desta comarca, composto por salpicón de centolo, caldeirada de peixe e marisco e filloas.

Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau (O Grove), será o encargado de guiar os concursantes pola gastronomía do Salnés. Estes irán á lonxa do Grove para recibir algún dos barcos que chegan de pescar centolo e botar unha man na descarga. Recibirán un centolo a modo de agradecemento e despois irán á Lareira do Larexo, onde os recibirá Loli, unha auténtica experta no cociñado deste crustáceo. Ata a Illa de Arousa irán na procura de Carmen, do restaurante A Meca, para que lles ensine a facer unha caldeirada de peixe ben sabedeira. E, por último, aprenderán a facer filloas con Victoria e María, gañadoras do concurso de filloas 2019 do Concello de Cambados, na categoría contrarreloxio.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, na cambadesa praza de Fefiñáns, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Joaquín Álvarez e Tomás Bea, do restaurante Sal de Allo (O Grove); Maite Otero e Aránzazu Fernández, da Fonte do Viño (Cambados), e Marta Esperón, do restaurante Carmen (Sanxenxo). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños da comarca será quen decida que equipo ‘Come a Comarca’ do Salnés.

Fuente Crtvg.es