Paula Prado, secretaria xeral do PPdG, no ‘Bos Días’: «O Goberno é o que ten que presentar o recurso ao veto da pesca de fondo en Bruxelas»

0
29

Santiago, 23.09.2022.-      A entrevista deste venres coa secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, remata a achega que o informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia fai esta semana aos grupos parlamentarios galegos nestes primeiros pasos do actual curso político. Nuns días nos que o PP denuncia un “total incumprimento de Pedro Sánchez con Galicia”, Prado dixo que “o Goberno central despreza constantemente Galicia porque a chegada do AVE non é completa, non hai trens Avril, tamén coa pesca de fondo e cos fondos Next Generation”.
    
Pola contra, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, cre que se debe abrir unha investigación parlamentaria para saber por que o Goberno galego dedicou eses 159 millóns a outros fins que non foron os da sanidade. Respecto disto, Paula Prado destacou no estudio do ‘Bos Días’ que “é unha mentira máis do PSdeG e un intento de desprestixiar a magnífica xestión que fixo o Goberno galego nun momento da pandemia”. Afirmou que Galicia non só gastou os 511 millóns de euros que lle trasladou o Goberno central, senón que gastou 100 millóns máis: “o gasto efectivo fíxose, e fíxose con moitos máis cartos dos que mandou o Goberno de España”.

Pesca de fondo

A secretaria xeral do PPdG referiuse ao veto á pesca de fondo desde Bruxelas, sinalando que “o Goberno do Estado é o que ten que presentar o recurso e agardamos que o fagan”. Tamén, que Valentín González Formoso foi a Bruxelas e que, tras a reunión co Comisario de Pesca ,ao día seguinte foi cando se impuxo o veto. “Un prexuízo para máis de 200 barcos en Galicia que non poden pescar en 87 zonas sen ningún criterio científico ou informe que avale esa decisión”, destacou Prado, quen dixo tamén que “o Partido Popular vai estar aí e o Goberno da Xunta de Galicia xa ten anunciado que pelexará ata onde poida”.

Impostos e orzamentos

Sobre o debate da eliminación dalgúns impostos por parte dalgunhas comunidades autónomas, Prado afirmou que o “Partido Popular sempre que pode baixa impostos e leva dende o 2009 facéndoo”. Referiuse tamén ao PSOE e dixo “parece ser que o PSOE deixou de ser autonomista e constitucionalista. Un partido que se debe aos seus socios de goberno, que son os que lle meten presión para estar constantemente facendo política para manter a Pedro Sánchez como presidente do Goberno”, sentenciou Prado.

A semana que vén, o presidente da Xunta de Galicia comparece no Parlamento de Galicia para explicar as liñas dos orzamentos de 2023. Paula Prado afirmou que a Xunta está do lado dos que menos teñen e que así o reflictirán esas partidas destinadas a axuda social. E destacou que as axudas sociais veranse incrementadas máis nun 10 %.

2023, ano electoral

Para rematar a entrevista, tratouse o tema das eleccións municipais, das que  Prado sinalou que o PPdeG se presenta como alternativa naquelas cidades onde os gobernos municipais as teñen paralizadas. “O obxectivo para nós son eses 313 concellos e agardamos tinguir de azul Galicia a noite do 28 de maio”, sentenciou Prado.

Fuente Crtvg.es