Producións autonómicas nas principais plataformas de streaming

0
7

Santiago, 17.12.2020.-    Os servizos audiovisuais públicos autonómicos englobados en FORTA continúan aumentando a súa aposta pola industria audiovisual. Cada vez maior número de producións autonómicas inclúense nos catálogos de plataformas como Netflix, Amazon Prime Video ou Filmin, acadando unha maior concienciación sobre a relevancia e calidade das producións locais.

O feito de que as plataformas streaming lles dean difusión a películas e outros contidos audiovisuais locais é fundamental, xa que aumentan a visibilidade e o recoñecemento das devantidas producións, das súas realidades e das súas linguas. Ademais, é unha grande oportunidade para acadar alcance internacional.

Filmin

Na plataforma de cine española Filmin pódense atopar grandes producións como ‘El hombre que diseñó España’, coproducida por Castilla-La Mancha Media, a película documental sobre José María Cruz Novillo, autor dos logos de partidos políticos e diversas empresas e entidades do país. Apoiados pola mesma canle, atópanse os documentais ‘El fin de ETA’, galardoado co premio ao mellor documental na 27ª edición do Festival de Cine Española de Nantes, ou ‘La ciudad oculta’, que gañou o Premio Feroz ao mellor documental a comezos de ano e que conta tamén coa participación da televisión autonómica canaria.

A mesma plataforma conta tamén con tres películas apoiadas polo Ente Público de Radio Televisión de las Illes Balears: ‘La vida lliure’, que narra a aventura duns nenos ao viaxar por Arxel para poder reunirse coa súa nai; ‘Pullman’, que narra a través da ollada de dous nenos o ocio nocturno de Mallorca e o turismo de baixo custo, e ‘Ardara’, filme con maneiras de documental en que tamén participou a televisión canaria e que reconstrúe a viaxe de tres mozos que desaparecen nunha vila chamada Ardara. Filmin tamén aposta por documentais participados por IB3, como ‘Amour de vivre’, ‘Mestre Toñi’ ou ‘Després de la boira’, entre outros.

Longa Noite’ e ‘Trote’ son dúas das producións da TVG que tamén están dispoñibles en Filmin, que ofrece ademais ‘El viatge de la Marta’, coproducida por SAMC e a televisión canaria. Ademais, ‘Reset’, producido por Aragón TV e que amosa un retrato da pandemia, chegará proximamente a Filmin. Este proxecto foi posto en marcha pola televisión aragonesa o pasado verán co obxectivo de axudar o sector audiovisual no seu proceso de reactivación.

Tamén se pode gozar das coproducións de Televisión de Catalunya ‘El enigma Verdaguer’, sobre a historia  de Jacint Verdaguer, mito literario da lingua catalá, e ‘La dona del segle’, a historia dunha moza traballadora criada nun orfanato que intenta gañar a vida mentres investiga se é filla dun coñecido pintor. A autonómica catalá tamén participou en diversos documentais aloxados nesta plataforma, como ‘Petitet’, ‘Comandante Arian’ ou ‘La Chana’.

Netflix

A popular plataforma alberga diversas películas producidas ou apoiadas polos servizos audiovisuais públicos como ‘Elisa y Marcela’, de Televisión de Galicia e TVC, que relata a historia do primeiro matrimonio homosexual rexistrado en España, E ‘Celda 211’, tamén apoiada pola televisión galega, que conta a historia cun motín carcerario.

Netflix tamén conta co documental ‘I’m your father’, dirixido por Toni Bestard e Marcos Cabotá e producido por IB3, que narra a historia do actor detrás da máscara de Darth Vader, David Prowse. ‘La trinchera infinita’ tamén está dispoñible. O filme en que participaron Canal Sur e EITB conta a vida dun matrimonio durante a Guerra Civil Española e a posguerra.

A autonómica vasca tamén participou en diversas producións aloxadas en Netflix, como ‘El Hoyo’, sobre o funcionamento dun cárcere cun importante fondo social e solidario; ‘Handia’, baseada en feitos reais, que conta a historia dun home que sufría xigantismo; ‘Errementari’, sobre a investigación dun suceso relacionado con roubos, asasinatos e pactos demoniacos; ‘Loreak’, en que a vida de tres mulleres se ve alterada cando comezan a recibir semanalmente flores anónimas, e ‘Akelarre’, ambientada no século XVII, que narra a misión dun xuíz de purificar a súa cidade e que tamén conta coa participación da TVG.

O fotógrafo de Mathausen‘, con Mario Casas como protagonista, ou ‘Te quiero imbécil’, con Quim Gutiérrez e Natalia Pena, contaron coa participación da televisión catalá, ademais de documentais como ‘Barça Dreams’. A autonómica catalá e a vasca tamén participaron na película ‘El árbol de la sangre’, que relata as relacións, o amor, os celos, as infidelidades e as traxedias que lles ocorreron as antepasados dunha parella interpretada por Álvaro Cervantes e Úrsula Corberó.

Movistar +

Esta plataforma conta con grandes producións entre as que se inclúen ‘O que arde’, coproducida en colaboración coa Televisión de Galicia e ETB, preseleccionada para representar a España nos Premios Óscar e gañadora do Premio do Xurado no Festival de Cannes 2019.

Canal Sur, pola súa parte, participou na produción de ‘Intemperie’, o drama ambientado na posguerra española, que foi candidato ao Goya na categoría de mellor película e que xa está dispoñible en Movistar +, así como en ‘Adiós’, con Mario Casas e Natalia de Molina como protagonistas.

Na mesma plataforma estrearase proximamente o filme de Cesc Gay ‘Sentimental’, en que participou TVC e que conta cun elenco excepcional (Javier Cámara, Griselda Siciliana, Belén Cuesta e Alberto San Juan); así como ‘Durante la tormenta’, cuxos protagonistas son Adriana Ugarte, Chino Darín e Álvaro Morte, entre outros.

Amazon Prime Video

O xigante Amazon Prime Video ofrece grandes producións apoiadas pola Televisión de Galicia, entre as que se atopan ‘Quen a ferro mata’, thriller dirixido por Paco Plaza e con Luís Tosar como protagonista, e o filme de suspense psicolóxica ‘O Descoñecido’, gañadora de dous Premios Goya. ‘Bittersweet Days’, sobre a identidade, o amor, a amizade e o crecemento persoal e coproducida por IB3, é outro dos filmes dispoñibles.

Google Play

Na plataforma streaming de Google pódense atopar películas da talla de ‘A illa das mentiras’, sobre o rescate dos superviventes dun naufraxio por parte dun grupo de mulleres galegas na illa de Sálvora. Nesta produción participaron TVG e EiTB.

HBO

Canal Sur e EITB contan tamén co documental ‘El Estado contra Pablo Ibar’, de Olmo Figueredo, en que se indaga sobre o complexo caso xudicial que condenou este español por un triplo homicidio na Florida e que se pode ver en HBO.

Orange TV

Nesta plataforma atópase ‘Los Europeos’, que se estreou directamente en Orange TV, que está dirixida por Víctor García León e que xa recibiu catro candidaturas aos Premios Feroz. A película conta coa participación de IB3 e TVC e narra a viaxe a Ibiza de dous solteiros na trintena.

Disney

Os máis pequenos da casa poden gozar da película ‘Mi hermano persigue dinosaurios’, corpodución italoespañola en que participou TVC e que narra as leccións que aprende Jack do seu irmán pequeno, Gio, que nace con síndrome de Down.

Rakuten

Marcos recibe un duro golpe nun accidente e isto provoca que deixe de recoñecer as emocións e empatizar cos demais. O camiño para volver sentir relátase na película ‘Alegría tristeza’, que conta coa participación de TVC e que está dispoñible en Rakuten.

Fuente Crtvg.es