Programación especial esta fin de semana na TVG con motivo da morte de Arsenio Iglesias

0
28

Santiago, 05.05.2023.-    Con motivo do falecemento do exadestrador do Deportivo da Coruña, Arsenio Iglesias, a Televisión de Galicia altera esta fin de semana a súa programación para renderlle homenaxe ao coñecido como ‘Bruxo de Arteixo’. Despois do programa ‘Luar’, que este venres o lembrará moi especialmente, a TVG ofrecerá o especial ‘En Xogo: Arsenio Iglesias, unha vida de fútbol’, realizado en 2016, que contou coa súa presenza no estudio de gravación.

Durante toda a fin de semana, a programación deportiva da G2 e da Radio Galega terá moi presente tamén a figura do adestrador coruñés, o de maior influencia directa no terreo de xogo nos 116 anos de historia do R. C. Deportivo. A partir das 16.30 h do sábado, a segunda canle de televisión e o ‘Galicia en Goles’ da RG estarán en directo no estadio de Riazor, onde se disputa o partido Deportivo da Coruña-A. D. Alcorcón, nunha retransmisión que lembrará a esta lenda do deportivismo falecida este venres aos 92 anos.

Ademais, o domingo, despois do ‘Telexornal mediodía’, emitirase o programa ‘Arsenio, un adestrador da vida’ (15.35 h), que amosa o lado máis persoal dun dos adestradores máis populares e queridos do mundo do fútbol. Descubrirá, ademais, datos e anécdotas curiosas da vida de Arsenio Iglesias grazas ao testemuño dalgunhas das súas persoas máis próximas.

Fuente Crtvg.es