Rebeca e Sabela presentan novos temas en ‘Luar’, que tamén conta coa música de Víctor Manuel e Pan.Sen.Fron

0
20

Santiago, 1.4.2022.-   Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández póñense á fronte dunha nova edición de ‘Luar’ (21.55 h) cunha destacada presenza feminina, que fará gozar a audiencia coas súas novas propostas artísticas. A catalá Rebeca achegará este venres, entre outros temas, o seu novo sinxelo ‘Una vida soy’, onde a cantante amosa, entre ritmos pop e dance, o dominio absoluto sobre a súa potente voz.

Outro dos momentos da noite estará protagonizado pola galega Sabela, moi coñecida tras o seu paso pola factoría de Operación Triunfo. A artista trae esta noite o primeiro sinxelo do seu novo traballo, ‘Ya no me quiero ir’, co que a coruñesa volve abraiar co seu persoal estilo e cunha canción chea de sensibilidade.  

Regresa tamén ao escenario de ‘Luar’ a recanteira de ‘ouro’ Carolina Pérez, que ademais de interpretar unha canción, compartirá cos espectadores a súa historia recente de superación tras pasar o duro transo de afrontar un cancro.

E cunha longa e recoñecida traxectoria ás súas costas, o cantautor asturiano Víctor Manuel acode nesta ocasión ao programa con algunha das súas cancións máis aplaudidas e cunha interpretación do tema galego ‘Camariñas’.

Como é costume, a música tradicional galega terá o seu oco destacado no programa; hoxe, cos sons dos coruñeses Pan.Sen.Fron (Pandeireteiras Sen Fronteiros), da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e da agrupación folclórica O Fiadeiro. En representación da música festiva que ameniza calquera verbena, contarase coas actuacións da compostelá Orquesta Capitol.

Por último, desenvolverase unha nova edición de ‘Recantos’, con Jennifer Cambón (Terra de Ordes) e Diego Méndez (Arousa) en competición. Haberá humor con Campos e Crespo e o concurso telefónico do programa porá en xogo un bote acumulado de 10.000 euros.

Fuente Crtvg.es