Regresa ‘Que Casas!’ á TVG, na busca de vivendas espectaculares en Padrón, A Guarda, Guitiriz, O Grove e Porto

0
14

Santiago, 19.04.2020.-  Esta noite regresa á Galega ‘Que Casas!’ (23.35 h), programa grazas ao que pasarán pola pantalla da TVG as vivendas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia. Neste espazo, ademais de amosar elementos arquitectónicos, decorativos ou mesmo as contornas urbanas ou naturais propias das casas, fálase de hábitos de vida, de costumes e de afeccións.

Desde a costa ao interior, ‘Que Casas!’ visita vivendas espectaculares e coñece un pouco máis o xeito de viviren dos galegos. Cámara en man, o programa achégase aos habitantes das casas con naturalidade e espontaneidade, permitíndolles aos espectadores entrar nas vidas de xente real que vive en lugares reais.

No programa desta noite coñeceranse emigrantes galegas que regresan á nosa terra para reformar as casas dos seus soños, inmigrantes que veñen formarse a Galicia e regresan aos seus países de orixe para reformar as súas casas neles, netos que queren recuperar as súas raíces transformando as casas que construíran os seus avós, e deseñadores que puxeron en práctica as súas mellores ideas decorativas nas súas casas de veraneo fronte ao mar.

Para iso, ‘Que Casas!’ pasará por Padrón, A Guarda, Guitiriz e O Grove, pero tamén irá ata Portugal, onde parará na fermosa cidade de Porto. Os anfitrións serán Celestina Castiñeiras, Genma Marqués, Pedro Vasco, Jesús González e José Juan Fernández.

Fuente Crtvg.es