Ritmos flamencos e jazz na G2, no novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, con Marcos Teira Trío

0
9

Santiago, 30.06.2021.-  A G2 achega esta noite, ás 22.55 horas, un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, desde a Cidade da Cultura, a cargo de Marcos Teira Translations Trío. O guitarrista Marcos Teira lidera esta banda, en que o flamenco e o jazz forman parte da súa linguaxe musical, xunto a Moisés Fernández, ao caixón, e o baixista Alfonso Calvo.

Nesta nova cita, Marcos Teira Translations Trío achegará parte do seu repertorio habitual e presentará tamén novos temas. O trio utiliza os ritmos flamencos e a liberdade do jazz para adaptar e reubicar clásicos nunha paisaxe nova e suxerente. E emprega un repertorio de músicas adaptadas á guitarra flamenca. De distinta procedencia e autoría, con músicas que van desde John Lennon ata Charles Mingus, por bulerías ou fandangos.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Triángulo de Amor Bizarro, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es