Rosa Cedrón, Samantha Fox e Monoulius DOP, protagonistas este venres en ‘Luar’ coas súas propostas musicais

0
8

Santiago, 08.10.2021.-  ‘Luar’ (21.55 h) viaxará ao longo desta noite ata Lugo a través dos seus contidos e na compaña de artistas dos máis variados estilos musicais e dunha das mellores embaixadoras desta provincia, a premiada actriz Benedicta Sánchez. No apartado musical, Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández abrirán o programa dándolle a benvida a unha das artistas internacionais que obtivo gran fama a finais dos anos 80, Samantha Fox. A modelo, actriz e cantante británica cantará esta noite algúns dos seus temas máis coñecidos.  

Xa de regreso á musica da nosa terra, a monfortina Rosa Cedrón presentará en ‘Luar’ un sinxelo de ‘Nómade’, o seu terceiro disco en solitario tras abandonar o grupo Luar na Lubre. A cantante e violonchelista inicia unha nova etapa de evolución artística con este traballo, en que narra un longo camiño de luces e sombras ata a actualidade.

Monoulious DOP será outro dos convidados que brillará sobre o escenario coa súa música divertida e chea de retranca. O dúo formado por Mon e Ula, moi coñecidos para a audiencia da Galega polas súas intervencións como xurado nalgúns programas da canle pública, interpretarán nesta ocasión, ‘Candela’.

Animarán a velada tamén coa súa música outras dúas formacións lucenses: a orquestra Acordes e Airiños da Freba e o Xeito. O obradoiro artesanal Traxandaina ofrecerá, por outra banda, un desfile co traxe tradicional de Lugo, proposta coa que gañou o premio Artesanía de Galicia 2020.

Nesta tempada en que ‘Luar’ celebra os seus trinta anos de éxitos cada venres na TVG, destacados monologuistas ofrecen a súa visión humorística sobre o programa. Hoxe, será a quenda do gran Pepo Suevos. Amais, a provincia de Ourense estará representada nesta edición de ‘Recantos’ por Lu González e Rubén Darío, de Ourense norte e central, respectivamente, que compiten por primeira vez no certame. Os dous despedirán o programa a dúo cantando o tema ‘Porque me tes bicado’. E no concurso telefónico estarán en xogo 2.500 euros.

Fuente Crtvg.es